IRMANDADE GALEGA DE ADEGUEIROS

Empresarios e asociacións destacan o galego como un valor engadido

photo_camera Xosé Carballido, coordinador de Irgade, diríxese ós asistentes, entre eles, Román Rodríguez, Miguel Ángel Viso e Xosé González (a dereita).

A Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros incorporou 25 novas empresas que se suman ó etiquetado en galego

A Irmandade de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) celebrou onte nas instalacións do futuro Museo do Viño de Galicia, en Santo André de Ribadavia, a súa cuarta asamblea, destacando o ingreso de 25 novas marcas empresariais de distintos produtos que etiquetan en galego. Ademais, durante o acto, ó que asistiron en torno a 60 empresarios, uns 20 colectivos entre asociación de mulleres, de veciños, musicais, societarias, sectoriais da xustiza e sanidade, entre outras, asinaron a "Carta de consumo responsable" en aras a que os cidadáns poidan optar por produtos etiquetados e comercializados en galego.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, referiuse ó Plan de Dinamización da Lingua Galega no tecido económico 2015-2020, que promove a Administración autonómica, e co que se pretende potenciar e ampliar o uso do galego no eido empresarial e cuxa aprobación está prevista para finais de ano. O conselleiro instou ós asistentes a presentar suxerencias co obxectivo de nutrir o documento co máximo número de achegas posibles dos diferentes ámbitos sociais.

O coordinador de Irgade, Xosé Carballido, lembrou que "o etiquetado marca a diferencia no mercado" , xa que segundo apuntou "hoxe xa non abonda falar de calidade" e hai que plantexar "estratexias que protexan a nosa identidade". O coordinador mostrouse tamén satisfeito dos resultados conseguidos despois de catro anos, con todos os partidos e sindicatos que asinaron a "Carta de consumo responsable", que tamén foi asumida de forma institucional polo Parlamento. Finalmente, sinalou algunhas das próximas accións encamiñadas a concienciar sobre o consumo de produtos galegos, que se desenvolverán en colaboración con distintos concellos de Galicia.

Tras a lectura da carta por parte Xosé González, presidente do Foro Enrique Peinador, onde se encadra a Irgade, firmaron as distintas asociacións e interviron Carmen Lago en representación de Marcas Agroalimentarias, Miguel Ángel Corredoira, das Asociacións de Veciños de Lugo, e Carlos Varela pola Irmandade Xurídica Galega. Varela apuntaba que "o uso do galego é un importante factor de calidade no trato e relación co consumidor". Román Rodríguez clausuraba o acto, matizando que "temos un elemento diferenciador que lle da un valor engadido ós produtos, o galego é útil para potenciar produtos de enorme calidade".

Te puede interesar