ENTREVISTA

Rubial: "Se a tendencia segue, nuns anos terán que derivarse a Vigo os partos complicados"

Félix Rubial, onte no seu despacho (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera Félix Rubial, onte no seu despacho (XESÚS FARIÑAS).
Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco mantén a decisión do traslado dos partos de Verín a Ourense. Garantiza o mantemento do paritorio no Barco, onde prima o criterio de distancia ao hospital para mantener un servizo. A medida en Verín, anota, é "discriminación positiva". 

Segue sendo firme a decisión?

É unha decisión técnica con todos os parabén das sociedades científicas.Complexa, impopular e difícil de trasladar á cidadanía sen que sexa susceptible de manipulación. Se ocurrise un incidente, seguro que os que esixen que se manteñan os partos, serían os mesmos en esixir responsabilidades. 

Vanse potenciar outros servizos? 

Vanse manter os mesmos profesionais. Terán que adaptarse ás necesidades da poboación. Porase en marcha un programa con enfermería xinecobstétrica para atender as patoloxías máis frecuentes.

Suprímese a praza de pediatra?

Nunca houbo prazas de pediatra, as gardas facíaas un pediatra que ten unha idade que lle impide facelas. A convocatoria de 2018 foi deserta.

Non interesan? Incentívase a xente para que traballe no rural?

A pediatría vive un problema de falta de profesionais. A praza era atractiva.

Hai 1.200 citas atrasadas en pediatría. Como está a situación?

O pediatra de baixa incorporouse e permitiunos liberar recursos . En dous meses, normalizarase.

As guías ven as distancias como criterio para manter un servizo...

A distancia é un criterio secundario, o primeiro é o número de partos. Si é criterio principal no Barco, estamos a falar de hora e media de estrada ata Ourense. O Barco ten garantido o servizo, teñen o dobre de partos.

No Barco son 120 partos, segue moi lonxe desos 600 mínimos...

Aí hai que combinar ese segundo criterio. A isoprona que temos de 43 minutos dende Verín é o dobre desde o Barco.

Pero os concellos máis afastados... 

Unha hora como moito.

A pesar da evidencia técnica, entende a preocupación das nais?

Absolutamente. Poden estar tranquilas. Todos quixéramos ter o trasplante cardiaco no noso hospital, pero hoxe é imposible. 

 

Quizáis un trasplante ten menos implicacións emocionais ca un nacemento...

Si. Pero non se pode facer demagoxia nin política de medio pelo. Todo o mundo entende que unha muller de alto risco se traslade a Ourense.

Unha nai non ten coche, outras viven máis afastadas… Contémplanse medidas con estes casos?

Somos o Servizo Galego de Saúde, para iso teñen que estar os servizos sociais dos concellos. Estou seguro que o farán. E nos casos onde está indicado hai transporte sanitario.

Algúns alcaldes falaron da necesaria discriminación positiva para o rural. Esta decisión…

Isto é discriminación positiva para o rural. É garantizar que unha persoa, porque viva en Verín, non teña que sufrir riscos innecesarios tendo un hospital a 43 minutos..

Pode ser esta medida contraria ao fomento da natalidade? Que mensaxe trasladamos?

En absoluto. Podemos poñer paritorios en todos os pobos, que se non cambia esa ratio tan baixa de 0,9 fillos por muller, non será motivo para aumentar a natalidade.

Como ve a situación en Ourense?

Rondamos 1.500 nacementos na provincia, a situación é moi delicada. De seguir a tendencia, probablemente nos obrigue nuns anos a ter que derivar partos en situacións complexas ao noso centro de referencia, que é Vigo. 

Desde a cidade tamén?

Falo do conxunto da provincia. Non imos ter números suficientes para garantirlle a esas mulleres, nun  prazo de ao mellor 10, 12 ou 15 anos, o nivel de experiencia no manexo de complicacións, para que poidamos facelo aquí.

Preocúpalle que se perda a docencia no CHUO?

Está máis que garantida, hai o número suficiente neste momento. 

Como imaxina este hospital en 20 anos?

A realidade demográfica non pode deprimirnos, hai que afrontala. Somos obxecto de análise. A Unidade de Hospitalización Innovadora vainos dar moitas alegrías.

Citarase con cada embarazada?

Imos darlles información personalizada. Lamento a situación que viviron. É inaceptable que profesionais como Cebrián ou Doval sexan cuestionados por dicir evidencias. Tomouse a decisión cando se contrastaron todas as evidencias. Asumo as consecuencias en primeira persoa, non é decisión política, é técnica. 

Te puede interesar