Opinión

Sabor a verdade

Ando a ler a Elena Ferrante ou quen coño sexa o autor ou a autora de "L'amica geniale" que traducida por Celia Fippeto publicou Penguin Random House co titulo de "La amiga estupenda". Xa vou polo terceiro tomo. Chapei os dous primeiros en varias sentadas, non moitas, malia ter xa vista a serie de televisión excepcionalmente boa. A saga tamén o é. Como se pode ler, con afouteza igual a esta coa que eu me apliquei, unha novela que xa coñecías porque fora fielmente levada ó cine? Pois só se a novela é tamén excepcional.


Non estou, coido, a dicir ningunha parvada. O habitual é que as novelas sexan sempre millores cas películas feitas sobre elas. Hai excepcións, claro. "El rey pasmado" de Torrente é inferior á película feita sobre ela, según eu o entendo; "Morte en Venecia" tamén o é e o mesmo sucede con "O nome da Rosa" de Umberto Eco, podo dicir algunhas máis, pero tampouco non hai que se pasar. O insólito é que a versión literaria dunha historia (Torrente dicía que unha novela é a historia do que lle sucede a alguén nalgures) sexa excepcional e que excepcional e fiel sexa a súa versión cinematográfica. Insólito, si, pero posible. Como? Pois contando cun texto excepcional e dispondo dunha equipa excepcional á hora de levalo á pantalla. Hai que escribir moi ben e hai que dispor de todo o coñecemento necesario pra que desde o casting ó guión, dende a fotografía, a ambientación dean unha obra de arte. Como conseguir isto? Ai, se eu o soubera!


Agora acabo de ler "El cielo invisible" de Luis Pousa, un texto recén editado por Reino de Cordelia. Lese nun santiamén. Como é posible que con eses vimbios se poida tecer un cesto tan harmonioso, equilibrado e literariamente perfecto como o conseguido por Luis Pousa. Ouh, se eu tamén o soubera!


Narrar o posoperatorio dunha operación a corazón aberto, a segunda, intercalando as mortes familiares que a precederon dando sentido a unha vida, facelo a corazón aberto, sen caer nunca nese foxo terrible da tenrura mal condimentada; ou do dramatismo fácil, sen caer nin nunha soa liña na autocompaixón ou no degradante humor negro mal elaborado, só é posible sendo un escritor de corpo enteiro, cal é o caso. Acabará pagándoo, se é que non empezou xa a facelo. Ser doutor e matemáticas, exercer o xornalismo e por se non fora abondo ser escritor de éxito, impón sancións que non lle desexo a Luis Pousa. Pero aviso delas por ver de conxuralas.


Cal é o resumo do misterio destes dous libros? Coido que o ben escritos que están os dous, a limpeza das súas prosas, tan distantes a unha da outra, a sinxeleza e perfección das realidades tan opostas que se describen nas dúas, ese milagre co que se consegue o sabor a verdade que só a gran literatura transmite. Fáganme caso e lean estes libros. Hanmo agradecer.

Te puede interesar
Más en Cartas al director