o carballiño

San Amaro promove un arquivo da súa historia

Reunión Manuel Baltar (Presidente Deputación) con Carlos Paz (Alcalde de San Amaro) acompañdo por Lois Pardo.
photo_camera Carlos Paz e Manuel Baltar durante a reunión que mantiveron.
O alcalde en funcións pediu axuda á Deputación para varios proxectos

O Concello de San Amaro pon en marcha o que denomina unha Biblioteca Vivente coa que pretende recoller a memoria das persoas que habitaron e habitan o municipio, deixando para as xeracións futuras copia do seu testemuño. Este proxecto, que dará inicio nas vindeiras semanas, pretende crear un arquivo histórico dixital coas imaxes, lembranzas e memorias do concello "na procura dunha maior autoestima da poboación", segundo sinalaba o alcalde en funcións, Carlos Paz González.

Con ese obxectivo iniciarase unha recopilación de fotografías antigas e testimuñas, que tamén abarcarán a aquelas persoas que destacaron por diversos motivos. Así o rexedor referíase ao xa finado Bautista Álvarez, membro do BNG, ou aos alcaldes de San Amaro desde que é concello.

Este proxecto, sinalou Carlos Paz que será algo costoso e por iso trasladoulle unha petición de axuda económica ao presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, durante un encontro que mantiveron e no que ademais abordaron outros asuntos. Entre eles, un plan plurianual para a creación de illas ecolóxicas en todo o termo municipal, que ordenen a xestión e o tratamento de residuos dentro do concello. Procúrase con isto optimizar a recollida e o transporte do lixo, poñer orde nos colectores  e mellorar a apariencia dos puntos de recollida.

O presidente provincial confirmou tamén o compromiso para a renovación do campo de fútbol de Salamonde, para o cal este concello acaba de recibir na semana pasada o convenio da Xunta de Galicia. Así mesmo, a institución mantén tamén a colaboración coas aulas madrugadoras, que seguirán desenvolvéndose no CEIP Plurilingüe Eulogio Gómez Franqueira.

Por último, o rexedor en funcións propuxo converter os sobrantes da estrada OU-410, do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa, nun espazo de lecer e de estacionamento para autocaravanas.

Te puede interesar