Sandiás programa visitas á Igrexa de Santo Estevo

Desenvolveranse entre este venres, día 2 de outubro, e o vindeiro 30 de decembro 

O Concello de Sandiás e, concretamente, a Concellería de Cultura, iniciará esta mesma semana un novo proxecto cultural a través dunha subvención concedida recentemente pola Axencia de Turismo de Galicia. Trátase dunha serie de visitas guiadas á Igrexa de Santo Estevo, localizada na parroquia de Sandiás. Un templo dun estilo ubicado entre o Tardogótico e o Renacentismo e que foi construido antes do ano 1520 -este ano celebrouse o seu 500 aniversario e, a finais do 2019, unha eucaristía especial por esta efeméride que contou coa presenza do obispo de Ourense, Leonardo Lemos- polo mestre de cantería portugués Bartolomeu Nosende. 

En colaboración coa parroquia de Sandiás, a Xunta de Galicia e a sociedade Xeitura, o Concello programou, en total, 15 visitas  que se levarán a cabo entre este mesmo venres, día 2 de outubro, e o vindeiro 30 de decembro para coñecer un dos enclaves turísticos de maior interese patrimonial e arquitectónico do municipio sandianés e de toda a comarca da Limia. 

Para poder participar nestas visitas -que se desemvolverán con todos os protocolos que esixe o covid- será necesario inscribirse previamente no teléfono 988 440 831, xa que as prazas estarán limitadas a un número máximo de 20 persoas -o mínimo serán 10 persoas-. 

Segundo explicaron dende o departamento de Cultura do Concello de Sandiás, o templo conserva no seu interior un mural renacentista de Francisco de Moure, as portas manuelinas da fachada principal, no oeste, e lateral, no este. Ademais, esta xoia arquitectónica do 1.500 conserva unha "fermosa" bóveda de cruzaría da época renacentista.

Te puede interesar