Sandiás sube nun 12,16 por cento o seu orzamento para o ano 2021

O rexedor, Felipe Traveso.
photo_camera O rexedor, Felipe Traveso.

A Corporación local de Sandiás aprobou -cos votos a favor do equipo de Goberno e dúas abstencións da bancada 'popular'- as contas municipais coas que xestionará o vindeiro exercicio económico de 2021. Éstas ascenden a unha contía total de 1.036.866,54 euros, o que supón un incremento dun 12,16 por cento con respecto a este 2020. Neste senso, e por apartados, a servizos sociais se destinará o 35 por cento do orzamento, a servizos básicos e cultura o 28,10 por cento, a gasto de persoal o 30,46 por cento e a investimento real o 6,44 por cento. 

No apartado de gastos derivados de persoal, e segundo fontes municipais, a contía neste apartado terá como destino todos os servizos municipais para atender novas necesidades e reforzar a atención dos servizos sociais comunitarios. Nos últimos anos e tal e como subliñaron dende o Concello, incrementouse para facerlle fronte aos contratos do persoal de Axuda no Fogar e do Punto de Atención Infantil -PAI-, de titularidade municipal.

Un dos puntos importantes polos que o equipo de goberno de Felipe Traveso volveu apostar ten que ver coa conxelación de impostos municipais tales como o lixo ou a auga, así como a taxa por emprego do velorio e para o emprego do Punto de Atención Infantil (PAI). 

No que atinxe ás infraestruturas, está aprobada a reforma da escola de Santa Ana e o amoblado da escola de As Pegas e, en comunicación, está previsto o inicio dun plan dirixido a transformación dixital do concello, que ten como finalidade mellorar o acceso a administración electrónica e a interacción entre Concello e veciños.

No eido financieiro, a débeda pública do concello "é cero", sendo o período medio de pago a provedores de 11 días.

Te puede interesar