Opinión

Ser concelleiro: perigo!

Coa ilusión de rapaces para tentar mellorar as cousas do teu concello, preséntaste a unhas eleccións nas que compites con grupos que teñen moito poder, medios e cartos e, polo tanto, espetativas electorais. Despois dos resultados formas unha maioría cos aliados ideolóxicos e programáticos máis próximos e chegas ó goberno. Asumes as concellerías que se acordan e designa o alcalde e empezas por coñecer o que dentro delas existe, así como as súas competencias. Igualmente coñeces ó persoal e empeza a andaina. 

A primeira decisión que tomas é a de non rebulir no pasado, sabedor de que hai cousas que se fixeron daquela maneira, pero optas por non tocar nada para que non te acusen de “revanchismo”. E despois de escoitar a mensaxe en forma de aviso por parte dalgúns funcionarios dicindo: “Tú estás de paso” e que eles van seguir no posto. Ou sexa, que pouco podes facer por trocar as cousas e vicios herdados. Empeza o teu mandato. Logo de situarte e coñecer un pouco o asunto, recibes papeis para asinar que veñen informados polos técnicos e xefes de servizo (en moitos casos xuristas acreditados) e dás o visto e prace ás facturas do salario mensual desas persoas que están no teu servizo. Ti non contrataches a ninguén, ademais o escrito ven asinado polo xefe con todas as cautelas. E dinche e argumentan que sempre se ven facendo así, e que para que funcionen ben as cousas hai que seguir facendo o que xa é unha rutina, pois, do contrario, pérdense subvencións doutros organismos e quen saen perdendo son os cidadáns. 

Este podería ser o relato do que lles aconteceu aos compañeiros que agora lles caeron sete anos de inhabilitación para cargo público de elección. A sentencia non é definitiva, pero, despois de case catro anos, falou a voz da xustiza. Pero, aplicando o mesmo criterio, outros servizos que se están prorrogando dende hai varios anos -poño por caso o do bus urbano- habería que suspendelos, pois como di a sentenza “o fin non xustifica os medios, por moi loables que estes sexan”, asi que todo o mundo en taxi ou a pata ata que se adxudique a nova concesión. 

A denuncia seica a presentou un señor, mellor dito, un persoeiro un tanto peculiar que, segundo dixeron, agochaba unha forte xenreira por cuestións de carácter persoais contra algún concelleiro. Un persoeiro que, despois de colarse nun sindicato moi coñecido como a CIG, denunciou diante os xulgados o que debera ser un asunto administrativo e laboral interno.

Mais, o concreto é que, despois de pasar por diferentes procesos, o caso foi arquivado. Pero a fiscalía, non conforme coa decisión, decidiu apelar. E despois da vista, a xustiza dixo e argumentou a súa sentenza afirmado que houbo prevaricación. E en consecuencia carga no lombo dos acusados sete anos de inhabilitación para cargo público. Sete anos tratándoos como se fosen delincuentes en toda regfa. Supoño que haberá recurso diante tal sentenza e xa veremos en que queda. 

Conclusión: despois do acontecido na vista oral, un xa empeza a non crer na xustiza, pois percíbese tan distante da vida real e da vida que existe nos concellos, que dá a sensación de que está fora de xogo e anda perdida nun mundo idílico distinto a realidade que pretende xulgar. E por iso actúa con suma dureza nuns casos, mentres noutro está ceguiña de todo, e poño por exemplo as cafradas do PXOM desta cidade, onde os que modificaron os planos, cuestión que trouxo moitas consecuencias económicas negativas para os cidadáns, están na rúa limpos de polvo e palla. En fin, ir ó concello con ánimos de facer algo positivo polos cidadans é algo perigoso que non lle recomendo a ninguén. E ratifícome: non creo na xustiza, aínda que non me quede outra que acatala.

Te puede interesar