En Confianza

Simone Saibene: Unha vida de cine

Ourense. 25/09/2019. Fotos de promoción a Simone Saibene.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Simone Saibene
O cineasta italiano Simone Saibene cumpre unha década en Ourense, unha cidade que ten influído en grande medida nos seus proxectos e na que participa de xeito activo na vida social e cultural. Agora, toda a súa formación no mundo da sétima arte, vólcaa no programa Cinephilia, que cada mércores emite Telemiño coa presenza de convidados especiais e análises das últimas estreas da carteleira.

Simone Saibene leva unha década en Ourense, a onde chegou dende a súa Italia natal. Neste tempo ten desenvolvido grandes proxectos audiovisuais como "Pelerinaxes" ou "Nove ondas". Agora, acompáñanos tódolos mércores en Telemiño para falar da súa grande paixón no programa Cinephilia.

Que nos pode avanzar da súa colaboración en Telemiño?

O programa chámase Cinephilia, emítese todos os mércores a partir das 22 horas. O protagonista é o cinema. Temos invitadas e invitados especiais todas as semanas, comentamos as estreas en carteleira, e a programación do Cineclube Padre Feijoo, que está a facer un traballo encomiable de promoción da sétima arte na cidade. Tamén mantemos os ollos abertos sobre as novidades que chegan desde o audiovisual galego e, en breve, teremos un espazo dedicado aos oficios do cinema. Aínda que sexa un programa cun corte cultural, intentaremos que sexa apto para todos os públicos. 

Chegou a Ourense en 2009 e, dende entón, ten participado en numerosas actividades da vida social da cidade. Que Ourense foi descubrindo neste tempo?

Descubrín Ourenses diferentes. A cidade mudóuse e quedóuse sempre a mesma á vez. É algo difícil que explicar. En parte creo que é o meu cambio de percepción ou depende dos anos que avanzan, das ilusións que morren e doutras que se despertan… Por exemplo, a Ourense que estou retratando no meu novo filme vai ser moi diferente con respecto á que gravei en ‘9 ondas’ ou ‘Pelerinaxes’. Pero ambas coinciden, son a mesma cidade. 

Como ten influído o feito de asentarse aquí na súa obra e os seus proxectos?

Creo que bastante. No ben e no mal. O importante é poder seguir traballando, e, ata agora, aquí, puiden facelo. 

E a súa orixe italiana, en que medida condiciona os seus proxectos audiovisuais?

A esa pregunta non sabría que contestar. Aprendín moito da mirada inquieta do crítico Ezio Alberione e o meu pasado cinematográfico está cheo de Neorealismo, do cinema que se fixo a partir dos Sesenta, o de Pier Paolo Pasolini, de Ermanno Olmi ou Federico Fellini, ata chegar ao novísimo cine italiano con autores moi diferentes como Matteo Garrone, Paolo Sorrentino, Emanuele Crialese ou Ciprì e Maresco.  

Un dos máis curiosos dos últimos meses é o documental sobre a construcción dunha nave espacial na Teixeira. En que punto se atopa?

A rodaxe estivo ben, ademáis Lucio Ballesteros colaborou de forma estupenda. Logo a postproducción se complicou máis, e de momento non poidemos adiantar ningunha nova.

Que filosofía segue a productora Noveolas? Por que tipo de proxectos apostan?

A productora aposta principalmente para a realización e difusión dos meus proxectos, documentais, obras experimentais e de ficción, dende a ideación á distribución. Pero tamén deixa a porta aberta a posibles coproduccións ou a apoiar outros proxectos que me parecen interesantes, tamén en distintas fases do desenvolvemento, da producción ou da distribución. Unhas boas colaboracións profesionais que me gusta lembrar, por exemplo, foron a rodaxe da curtametraxe polo proxecto de rehabilitación E-motionaltraining, ou a colaboración co ourensán Aitor Rei na distribución en salas e plataformas dixitais do seu filme ‘Frankenstein-04155’. Hai outras apostas que non funcionaron, pero conseguín aprender destas malas experiencias, levantarme pronto e seguir traballando. Como dixo un escritor galego moi coñecido “un bó fracaso a tempo ás veces só é unha boa lección”. 

Que anda rondando nestes momentos pola mente creativa de Simone Saibene?

Levo tempo traballando nun documental sobre a creación literaria, sobre un autor que me encanta e respeto moitísimo. Teño o guión bastante avanzado tamén grazas á preciosa consultoría de Marcos Nine e algo grabado co meu habitual director de fotografía Jairo Iglesias. Estamos en pleno proceso creativo, quero facer algo completamente distinto do que fixen ata agora, pero prefiro non revelar nada máis de momento, para non perder a maxía. Tamén gustaríame volver a tocar e grabar algo novo con Os Forasteiros. Pero non se pode facer todo a vez e ademáis agora é o tempo de Cinephilia! 

Te puede interesar