Opinión

Sin referentes

En todas as sociedades sempre houbo referentes que serviron como modelo ou guía para o conxunto da sociedade. Persoas que co seu facer nas distintas áreas da vida marcaron un camiño que a xente do común ollaba e admiraba. E por esta razón eran persoas respectadas e mesmo imitadas. Evidentemente houbo e hai referentes no eido deportivo, no musical, no social, no intelectual e, como non, no eido político entendendo este dunha maneira moi ampla. 

Pois ben, dende hai xa bastantes anos, e sobor de todo dende que a liberdade de expresión permite criticar as virtudes e salientar os defectos de moitos dos persoeiros que condicionan a vida política, a social e mesmo a ética, as tornas trocaron moito. Os grandes persoeiros, que noutros tempos non se podían pór e cuestión, agora por vivirmos nunha sociedade onde as novas saen á luz sen tantos atrancos, comezamos a ver que nin eran tan bos, nin eran guía de nada positivo. Eran a grande maioría, e son aínda, “xentes branqueadas” que no fondo nada positivo aportan. Ou sexa: persoas que diante a sociedade amosan unha faciana, mais no fondo do vaso, como diría Valle Inclán, son o contrario do que aparentan. O tema dos cartos, as posesións e o poder sempre son as causas que se agochan detrás de todos estes persoeiros. E aquelo de “poderoso caballero es don dinero”, ise que ós cegos fai ver e os coxos andar, cúmprese de maneira radical, impóndose sobre toda norma. Xa cinguíndonos a esta España, á que algún glorifica tanto, pero que sisan canto poden, o cadro que vemos é realmente esperpéntico. Xogadores de fútbol defraudadores, políticos comisionistas e prevaricadores, millonarios sen escrúpulos que por gañar cartos explotan a menores nos países do terceiro mundo e reis que predicaban unha cousa e facían a contraria.

Vivimos nun mundo cheo de fariseísmos e de hipocresía. Nunha terra onde pra buscar un referente ético e social hai que baixarse á xente do común. Si, a esas persoas que apenas saen nos xornais e que viven e traballan con moita humildade, que cumpren e pagan os impostos sen defraudar. Estamos no tempo do mantemento da imaxe, aínda que o contido desa estea podre de merda e teña que fuxir do pais pra ampararse na inviolabilidade e non ser condenado.

E digo eu, esta España, de pandereita e sacristía, como a definiu Machado, poderá sobrevivir esta pandemia de ladróns e defraudadores de fina estampa? Poderá aguantar moitos anos máis este postureo absurdo e mentireiro de que todos somos iguais diante a lei? Hai tempo que os referentes éticos e sociais e case todos os políticos caeron ó chan. Xa non existen. E esa carencia axuda a que a sociedade se desvalorice e camiñe aumentado a pillería e o ladrocinio. Poucos son os referentes ós que mirar. En fin, de pena.

Te puede interesar