INNOVACIÓN

Tecnoloxía punteira para crear barcos autónomos robotizados

O proxecto Ulises permitiría ás embarcacións navegar sen tripulación e está especialmente pensado para labores de vixilancia

A finais deste verán a costa galega será o campo de probas para o prototipo dun barco autónomo robotizado pioneiro no mundo.

Detrás deste proxecto, coñecido como Ulises, está Industrias Ferri como promotor principal, xunto coa Universidade de Vigo e o Cimne, Centro Internacional de Métodos Numéricos en Ingeniería. Trátase dunha iniciativa conxunta que permitiu desenvolver a tecnoloxía necesaria para converter calquera embarcación nun barco autónomo robotizado, que pode navegar sen necesidade de tripulación. Cun orzamento global de 1.581.000 euros, o proxecto arrancou en 2014 e rematarase en 2017 e forma parte do Programa Estatal de Investigación, Desarrollo e Innovación Orientada a los Retos de la Sociedad.

Co prototipo xa a punto, agora resta integrar nel toda a tecnoloxía para que nos vindeiros meses se faga a a botadura inaugural e, de aí en diante, facer as probas precisas para corrixir e mellorar os sistemas.  Por parte da Universidade de Vigo, están implicados neste proxecto cinco investigadores do Grupo de Deseño e Automatización de Sistemas Avanzados (DASA), liderado polo profesor Fernando Vázquez. Ricardo Samaniego é un deles e explica que “a finalidade de Ulises non é prototipar un barco, senón unha tecnoloxía que pode ser implementada en calquera embarcación, non fai falta construír unha ad hoc, pódese adaptar calquera, dende un petroleiro ata unha lancha”.

Te puede interesar
Más en Universitas