MIGRACIÓN - ENTREVISTA

Antonio R. Miranda: "Temos que chamar a atención aos que aínda están alí: por que non volvedes?"

img_3798-las
photo_camera Antonio Rodríguez Miranda.

O secretario xeral de Emigración afirma que o seu departamento explica que o "80% das axudas a retornados son para persoas de Venezuela"

En Venezuela baixa o padrón de residentes no estranxeiro, porque está marchando moitísima xente nova. Así o recoñece Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración, un departamento que incrementou de 1,8 a 2,2 millóns de euros as axudas a retornados, e que non descartar ter que volver aumentar as partidas este mesmo ano, debido á alta demanda. "O 80% das axudas a retornados son para persoas de Venezuela".

Por que é tan importante para Ourense o que pasa en Venezuela?

A emigración ourensá a Venezuela foi moi relevante, e por iso o incremento do retorno está a ter unha repercusión altísima. E agora xa non retornan só os nosos galegos e os seus fillos, senón matrimonios que veñen con eles e non teñen nada que ver con Galicia. É un pouco como a mecánica que tivo a emigración galega ao exterior; ían todos os dunha zona, como Celanova ou Ramirás. Agora estase vendo o contrario, e moitos veñen a Ourense e Galicia, atraídos por galegos de alí. A amizade transfórmase nunha rede de apoio social, como ocorreu hai décadas ao revés. 

Como é este novo perfil de regresados?

Veñen persoas moi xóvenes, moi formadas e cunha iniciativa importantísima, moi emprendedores. Non son xente que veñen buscando prestacións sociais, senon que veñen producir, e iso é moi bo para nós. Por iso tratamos de poñer en marcha unha estratexia de retorno para que volvan 20.000 galegos do exterior antes de 2020. Temos que chamarlle a atención aos que aínda están alí e dicirlles: por que non vos plantexades volver?

Por que esa chegada de xente a sitios como Ourense?

Hai moitas persoas que están volvendo e recalan en Madrid, porque as grandes cidades tíranlle máis, ao viren de sitios grandes como Caracas. Pero nesas cidades grandes a vida faise máis dura e o nivel de vida é máis alto, e ao final séntense atraídos por sitios como Ourense. 

É necesario facer algo cos que chegan sen documentación?

Xa llo trasladei ao Estado o pasado mes de xullo. Hai que ter en conta que hai moitísima xente que está chegando, que temos moitos matrimonios mixtos, e incluso fillos que teñen nacionalidade e outros que non a teñen. E tamén hai outras familias que veñen acompañando ás galegas ou mixtas, e que son estritamente venezolanas. Hai que darlle un bo enfoque, a máxima axilidade no permiso. É unha preocupación e hai que coordinarse co Goberno, que é quen ten as competencias, para facilitar todo iso. 

Te puede interesar