Opinión

Tócaa outra vez, Dani

A primeira vez que fun a un concerto de jazz pareceume algo realmente lamentable. A ignorancia, amigos, é atrevida. Non entendía nada, non era quen de atopar ritmo nin relación nos sons que emitían os diferentes instrumentos e, ademais, non conseguía saber por que os músicos tiñan esa expresión de estar en trance, nunha especie de éxtase provocado polo sentimento que lle aplicaban á música que estaban a tocar.


Cando cheguei a entender o jazz souben, por fin, onde radicaba a clave dese estilo musical. Os músicos debían sentir o que tocaban. Guiados por unha idea común, cada un deles debía dar o mellor de si co seu instrumento. Nese mesmo momento comecei a ver moitas similitudes entre o baloncesto e o jazz. Un escenario e unha pista de parqué son lugares moi parecidos. O baloncesto é, en realidade, unha jam session onde a improvisación xira en torno a unha idea común que todos deben defender para que o espectáculo vaia ben.


O Breogán chegaba á segunda cita contra o COB despois de ofrecer un concerto pésimo na noite do venres. Fallara o ritmo, a afinación, os instrumentos e ata caera parte do escenario abaixo nun espectáculo pouco propio dunha banda acostumada a pechar as xiras co seu mellor tema cantado a medias co público e recibir o aplauso dunha audiencia entregada.
No segundo partido todo cambiou. Houbo un tipo que decidiu dar unha lección no escenario de ritmo e calidade. Dani López conseguiu que o resto dos seus compañeiros seguiran a súa melodía ao tempo que acompañaban cos seus instrumentos a canción que el interpretaba ao ritmo da victoria. Entre baloncesto e jazz existen tantos puntos en común coma entre dous xemelgos. Ata no carácter se parecen.


Humphrey Bogart pedíalle a Sam que tocara ‘As time goes by’ en Casablanca despois de que o magnífico pianista interpretado por Dooley Wilson a tocara para Ingrid Bergman. Esta eliminatoria, no fondo, ten moito que ver cunha peza ben interpretada. Eu non son Humphrey Bogart nin el é Sam pero, por pedir que non quede. Tócaa outra vez, Dani.

Te puede interesar