Alén anuncia que todos os centros educativos de Ourense terán persoal sanitario de referencia

O delegado da Xunta en Ourense presentou o proxecto de reforzo educativo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, participaron hoxe en Ourense na sesión de presentación, aos equipos directivos e responsables covid dos centros educativos da provincia, do proxecto de reforzo educativo en materia de prevención fronte á pandemia. Esta sesión informativa celebrouse onte no Barco de Valdeorras e se repetirá mañá en Verín.

O novo representante do goberno galego en Ourense transmitiu o seu agradecemento ao colectivo sanitario, encargado desta formación, ademais, indicou que o acto tiña un significado especial pola súa condición de mestre e destacou o labor dos docentes, e en especial dos equipos directivos, que foron quen de adaptar os protocolos acordados polas autoridades sanitarias ás características de cada centro. “Dende a Xunta recoñecemos o esforzo dos docentes e agradecemos a súa implicación para que a educación dos nosos rapaces se desenvolva con normalidade e coa máxima seguridade”, subliñou.

A súa chegada á sesión informativa os representantes dos centros recibiron unha carta cos datos de contacto e coa data da visita ao seu colexio do equipo de formadores covid do Sergas, no que se integran persoal de enfermería, técnicos de emerxencias e alumnos de ciencias da saúde, todos eles voluntarios e que levan traballando no desenvolvemento do programa “Héroes fronte o Coronavirus” desde o mes de maio, en colaboración coa Xefatura Territorial de Educación.

Na visita a cada centro estarán acompañados do enlace sanitario do centro de saúde de referencia de cada colexio, establecendo así un contacto persoal e próximo, xa que será o persoal dos Centros de Saúde os que responderán a calquera dúbida de tipo asistencial.

Asemade o equipo de coordinación pon a disposición dos centros un buzón específico de correo, no que se dará resposta rápida a calquera dúbida de organización de circuítos, prevención, protocolos de hixiene respiratoria, etc..

Te puede interesar