Opinión

Todos sacamos tallada

Vivimos nun país privilexiado. Onde todos sacamos tallada. Cada vez estou máis convencido de que nin eu mesmo son honrado. Así de simple. A Valedora do Pobo, a que se entende que ten que valer polo pobo, pola xente, na realidade, só intercede polos seus. Aconteceu nun posto de libre designación, que quería que lle deran a praza a unha “coñecida”. E logo! Ou outro exemplo, que o Ministerio de Interior seica ordenou un trato de favor á infanta Cristina na visita que lle fixo ó seu querido marido Urdangarin para que: non fixera cola, para que entrase no cárcere cunha furgoneta e fóra de hora, e para que non pasase rexistro algún. Para que se vexa que non é un preso calquera! Así é que, ou por trato de favores ou porque metemos axiña man no que sexa ou porque somos corruptos ou porque somos uns vendidos, no noso país non hai un habitante honrado. Nin o primeiro. Uns levámolo máis disimuladamente, mentres que outros ata se gaban de ser como son. Como ten que ser!

Non é coma noutros países, nos que hai xente honesta. Ata nos Estados Unidos, que xa é dicir. Resulta que alá, no país das armas que só matan, unha profesora que morreu de cancro acaba de darlle unha lección ó mundo pedindo que os que asistiran ó velorio, ó seu funeral, en lugar de flores, levaran material escolar para nenos necesitados. Iso é ser honrados! Polo menos nese detalle. Ás veces falamos desas ONG que se entregan ós máis indixentes, cando en algún momento (certo que moi pouquiños, pero...) temos á nosa beira a unha persoa, a unha simple persoa que fai ela máis que toda unha ONG.

Escribo este Recuncho xusto ó rematar o primeiro partido dos oitavos de final do Mundial de Rusia entre Francia e Arxentina (4-3), e non me queda outra que dicir que oxalá todos os partidos restantes foran coma este. Que gozada! E aínda para máis aquel, cunha morea de goles. E que Deus nos colla confesados ante Mbappé, se é que chegamos alá, algo do que, por certo, dubido moito. Xa sei que os xogadores nosos din que nos invade o pesimismo e que non é para tanto. Pero “visto lo visto”, non sei que vos diga. Oxalá ó publicarse isto me refregaran o meu pesimismo polo fociño (entre a escritura e a publicación, xogaron)

Te puede interesar