Concello

Tramitadas axudas para 293 empresas carballiñesas

O montante solicitado ascende a 262.181 euros e agora ábrese o prazo para aportar a documentación

Un total de 293 empresarios, autónomos, comerciantes e hostaleiros figuran na lista de preadmitidos e posibles beneficiarios das axudas do Concello do Carballiño pola situación de emerxencia do covid-19, que se aprobou onte na xunta de goberno. O importe global do solicitado ascende a 262.181 euros.

A partir de hoxe, e durante 15 días hábiles, ábrese un prazo para que as persoas que figuran nesta lista poidan presentar a documentación requerida. Rematado este período, o Concello poderá proceder ao pagamento das axudas en canto se vaia verificando a documentación presentada polos solicitantes.

O Concello do Carballiño ten dispoñibles para esta primeira liña de axudas 360.000 euros, dos que empezaría a repartir dentro de 15 días 262.181 euros sempre que todos os solicitantes aporten a documentación que figura nas bases da convocatoria. Ademais, está prevista unha segunda liña, en principio por un montante total de  650.000 euros.

Os grupos da oposición: PP, Espazo Común e BNG critican o retraso deste proceso que, segundo apuntan, tiña que poñerse en marcha ao principio da pandemia.

Espazo Común acaba de solicitar nestes últimos días un pleno para "activar medidas económicas e sanitarias sen máis demoras nin excusas".

O alcalde, Francisco Fumega, tamén pediu axudas para as pequenas empresas á Xunta a raíz das últimas restricións.

Te puede interesar