Opinión

O transporte metropolitano en Ourense

Moitos titulares leva dado durante anos o transporte metropolitano e a súa posible implantación en Ourense. Mais esa realidade, por moita foguetería de artificio que disparen os nosos gobernantes, nunca da chegado. As causas son diversas e certamente complexas, o que non implica que ese obxectivo sexa imposible de acadar. Vertebrar os concellos que lindan coa cidade para darlle unha mellor comunicación é unha necesidade que debera tomarse moi máis en serio. Con todo, conviría ter en conta unha serie de datos para poder entender mellor este complexo asunto.

A área de sete concellos que circunda a Ourense máis a poboación do das Burgas sumaba, hai uns anos, un total de 136.000 habitantes, dos que 107.000 xa teñen un servizo regular de transporte dado polo noso Concello. Polo tanto, ó falar da área metropolitana, estamos a falar de facilitar a comunicación cara a cidade de 29.000 persoas unicamente. Pero si a este último número lle restamos os case 10.000 habitantes do concello de Barbadás que a día de hoxe teñen un servizo regular de viaxeiros, a cantidade queda moito máis reducida. Mais con istes datos sobre a mesa debe quedar claro que a comunicación en autobuses deste primeiro anel de concellos coa cidade das Burgas segue a ser moi necesaria. A boa comunicación nunca será negativa para todolos ourensás en xeral. Ademais, existen varios puntos que a día de hoxe xa deberan estar conectados polo servizos de transporte urbano. E poño como exemplo o caso de Reboredo, onde os veciños camiñan máis de cincocentos metros para coller o autobús que pasa por diante das súas casas, pero teñen que facelo no fin do termo municipal. Pero ademais do dito, pensemos no Polígono de San Cibran das Viñas, no do Pereiro, tamén na zona comercial de Barreiros, no hospital de Piñor, tamén en Barbadas e incluso pobos como o de San Cibrao das Viñas. Todos lugares onde moitos ourensás viaxan permanentemente á cidade, e que os buses urbanos do noso concello teñen que entrar coa porta pechada a temor de ser sancionados por apear ou coller persoas. A cidade e o rural do noso concello teñen, a día de hoxe, un moi bo servizo de autobuses urbanos. Pero este servizo, por ser unha concesión que só abrangue ó concello, non pode recoller xente fora do termo municipal, dado que as competencias nesas zonas son exclusivas da Xunta.

Con todo, as condicións que se dan hoxe para chegar a un acordo e encarrilar o asunto, non se daban hai máis seis anos cando a Xunta renovou as licencias dos interurbanos, a costa de reducir a carestía do transporte escolar. Aínda que xa se sabía que, salvando casos moi concretos, as liñas de buses interurbanos que servían a estes concello apenas tiñan viaxeiros e non eran rendibles.

 Pasado o tempo parece ser o momento no que coinciden dous factores que, se hai vontade política, axudarán a que se poña en marcha o manido Transporte Metropolitano.

 O primeiro factor é a caducidade da concesión dos buses urbanos na cidade e a redacción de novas bases para o concurso. O segundo é a renuncia dalgunhas empresas para seguir a facer un servizo a partires de agosto. O que foi un desentendemento entre administracións e intereses económicos, debía dar lugar á solución definitiva deste problema. Onde o mellor acordo pasa pola extensión dos autobuses urbanos ás zonas de outros concellos que hoxe xa deberan estar servidas por este transporte. Así quedaran excluídas propostas como a de pór os “intercambiadores”, solución que a ninguén convencía e que parece irrealizable.

En fin, esperemos que dalgunha maneira se arranxe un asunto que camiña lastrado por intereses de todo tipo, pero no que a Xunta de Galicia ten a principal responsabilidade. Lembremos que os que están sen servizo son os concellos onde ela ten competencias exclusivas. E como di a sabedoría popular, os que teñen que reivindicar e esixir ter transporte son os cidadáns que non o teñen; e o que ten que solucionar o tema é a Administración que ten a capacidade pra facelo. Claro, chegando a acordos co noso Concello.

Te puede interesar