Opinión

Tristeza total

Unha das grandes cuestións que debe tratarse en Galicia é a orixe da perda galopante de poboación. Hai que poñer remedio a ese fenómeno tan destrutivo que nos deixa sen posibilidades, que nos arrasa e devasta o país, sen identificar aos causantes do mal. Cada día máis mal, peor, infinitamente peor cada vez que o pensamos. Somos en Galicia uns dous millóns setecentos mil habitantes, homes, mulleres, nenos, nenas e maiores. E, todos sabedores de que a densidade de poboación, fora da franxa costeira, é esaxeradamente pequena. Quilómetros e quilómetros de extensión sen xente ou con moi pouca xente. Sen vida.

Hai concellos, no interior de Ourense e Lugo, con menos de dez persoas por quilómetro cadrado. Están practicamente despoboados e a pouca xente que queda neles vive apuradamente, nunha situación económica precaria. As aldeas deshabítanse (deshabitáronse) e miles de casas están coas portas abertas e as paredes rachadas, deixando paso libre ao temporal que as atravesa, cada inverno, e que as vai esborrallando, mes a mes.

Os sabugueiros medran nos alpendres, nos sotos ou nas cortes do gando que había e danlle sombra ao cabeceiro da derrubada cama do amo, ás táboas da lacena e á porta da cociña bilbaína que brilla entre os cascallos. Son máis de mil seiscentos os lugares abandonados en Galicia e en cada un, doutros dúas mil, vive unha ou dúas persoas. Tristeza total, completa. Inmensa pena para os que se foron, desazo e desalento para os outros.

Pero, no mundo hai máis de sete mil trescentos millóns de persoas, moitas con fame e tan humanas como as que comen e as que mandan. Os expertos en demografía e os políticos implicados na gobernanza deberían presentar propostas para evitar a desfeita, nuns casos, polo acelerado crecemento da poboación e, noutros, pola extinción da mesma.

Te puede interesar