Opinión

Tristura e incertidume

Dous son os acontecementos recentes que a moitos cidadáns nos causan tristura e certa incertidume. Acontecementos distintos que poñen de manifesto que unha fonda crise gravita sobre a sociedade actual. 

O primeiro dos casos refírese a vaga de lumes que asolaron a nosa terra. 34.000 hectáreas de monte arrasadas, casas queimadas, catro persoas mortas e milleiros de animais salvaxes chamuscados é o balance que nos deixa tal calamidade.

As causas parecen diversas e complexas, pero o poder político despáchase dicindo que isto é soamente un asunto de terrorismo feito por grupos organizados. E seguindo tal relato non é capaz de presentar ningunha medida para atallar tal mal que ano tras ano se repite como unha maldición que caiu sobor de nós.

Lonxe quedan (nove anos atrás) as estampas dun Feijoo apagando un lumiño cunha mangueira de xoguete e prometendo rematar co problema si gobernaba. Lonxe queda a única medida que un goberno, o do bipartito PSOE-BNG, poñía sobre a mesa: as Áreas de Xestión Forestal para atacar un problema que ten de fondo a desaparición e o abandono do rural e a desvalorización do sector primario. Outra medida daquil goberno foi o Banco de Terras, que dende aquela os mandatarios da Xunta ignoraron intencionadamente. Medidas que Feijoo desvalorizou e desfixo sen presentar nada mellor que puidera alumar algo de esperanza sobre este asunto. E a día de hoxe seguimos aturando esta maledicencia como se fose unha praga que soamente se apaga e remata cando hai choiva.

O segundo asunto o que me refiro é o que acontece en Catalunya. As medidas drásticas do Goberno de Rajoy apoiándose nun Senado que nunca actuou como cámara de representación das comunidades autónomas, son o primeiro paso das que nos levan cara un futuro incerto. A carencia de diálogo para solventar un problema que non se sabe como rematará, causa moita incertidume entre os cidadáns. Admitir os erros que se fixeron contra o Estatuto e o idioma e que as leis non deben ser barreiras que se fan con carácter permanente e eterno podía ser o principio da solución. Admitir que deben adaptarse ós tempos e que hai que modificalas puidera ser o comenzo dun bo acordo. Someter a parte ó veredicto do conxunto, cando a totalidade do mesmo está feita de partes moi distintas que teñen personalidade histórica propia, pode ser un erro moi importante.

Non sei se antes do venres poderá aparecer un raio de esperanza que pare esta loucura, pero todo pinta mal. Por iso afirmo que camiñamos cara o incerto e, sobor de todo, cara unha frustración política que so trae tristura social.

En fin, o mundo seguirá dando voltas e nós con el. E en Galicia seguiremos esperando que a dimensión dos lumes que houbo nestes días favoreza un pacto político para deseñar unha estratexia forestal que poña en valor o monte e frene a destrución do medio natural. E no que atinxe ó segundo tema, esperar que a cordura política permita acordos de non agresión, aínda que percibo que se se aplica o artigo 155 todo será distinto, pois ese feito creará fondas feridas que xa veremos como e cando se curan.

Te puede interesar