Opinión

Trump: arrogancia, ostentación e incerteza

Dende o 25 de Abril portugués do 74 do século pasado, quedou acuñado o dito “o povo é quen máis ordena”, mais a verdade é que o pobo soamente escolle entre os candidatos propostos. Pero o pobo non goberna. Mais o pobo, como demostra a historia, tamén erra, e con moita mais frecuencia nos tempos de crise e de cabreo social como nos que estamos. As razóns deste argumento son moi coñecidas; cando hai cabreo social, perde espazo a racionalidade e tamén gaña espazo a individualidade en detrimento do ben común e todo queda relegado en función do particular.

Dende que a crise económica, á que hai que sumar a de valores, afoga e escurece o noso futuro, foron xurdindo, e seguro que seguirán florecendo, persoeiros, eu diría predicadores, que, cunha linguaxe populista e simplista da situación social e política teñen moi boa acollida electoral na sociedade. Primeiro foi o Sr. Berlusconi, logo o tal Beppe Grillo, e por resumir, agora o Sr. Trump e ate pode sumarse á lista a de Marine le Pen en Francia e outros. Corren tempos de incerteza nesta sociedade a que moitos catalogan, pola velocidade dos feitos e a inestabilidade, como líquida.

Esta deriva un tanto incerta, e polo tanto perigosa, tráeme á memoria outro tópico que se empregaba non hai moitos anos para definir o acontecido, entre outros lugares, na nosa terra. Dicíase que a Galicia profunda tiña un comportamento electoral moi conservador e populista. E relacionábase este comportamento con sociedades arcaicas, pouco informadas, pouco modernas ou de signo agrario e maiormente ligadas ó sector primario. Pero agora, pasado anos, percibimos que os tópicos non funcionan nin son definitorios dun país ou lugar do planeta. Os tópicos son frases feitas e pouco máis. Dado que despois das elección americanas e do acontecido nelas, quen pensaba que no pais modelo da democracia, EEUU, chegaría ó poder un presuntuoso, arrogante, insultador, clasista e moitas cousas máis, como o que vai ser presidente deste inmenso país?

Poderíamos falar da ianquilandia profunda en plan despectivo? Penso que non. Mais xa se empeza a escoitar que a democracia é un réxime moi débil e facilmente manipulable. Soamente hai que ter moitos cartos e saír a rúa a dicirlle á xente o que un gran sector social quere escoitar. O demais caerá polo seu peso. Chegado o caso, que se pode esperar dun señor caprichoso, amante da boa vida, da suntuosidade e cheo de arrogancia, para que tente solucionar os problemas da xente común? Presumo que moi pouco. E supoño que axiña iremos vendo moitas contradicións que nos deixarán abraiados. Polo que concluiremos que o pobo tamén erra como a historia o demostrou en repetidas ocasións.

En fin, nestes días de frío, máis de catro pensamos que pasará nun futuro próximo coa política e as relacións entre os estados do mundo. Pensamos na Unión Europea, no futuro do euro e as relacións políticas dentro desta unión de intereses económicos e as relacións cos EEUU. Pois aínda que non o pareza, en algo afectaranos a presidencia do señor Trump.

Vivimos todos nun mundo global, onde todo está moi relacionado e, polo tanto, corre o perigo de afectarnos. Esperemos acontecementos que non faltarán arroutadas e incertidumes nos tempos que se aveciñan.

Te puede interesar