Opinión

Trump e a masacre dos pardaos

Un mundo sen tolos constituiría unha anormalidade, coido eu. Se isto fose certo-non que eu o supoña, senón que podamos consideralo así- poderíamos dar por bo que a existencia de tolos sexa algo completamente normal. Éo. Haberá máis ou menos, segundo os tempos e as circunstancias, pero sempre haberá anormais poboando o mundo. Sempre haberá toliños que se crean napoleóns e sempre haberá tolos que se sintan napoleóns e consigan selo. Por que? Velaí a pregunta prá que só psiquiatras e sociólogos poderán aportar respostas. Sempre haberá xente anormal que se empoleire no poder e se manteña nel durante anos.

O concepto de anormalidade atinxe, presuntamente pois hai que serlles moi mirado nesto das presuncións, á excepcionalidade dalgúns individuos. Hitler, con el non pouca da xente que o rodeou e máis algunha que o encumbrou, foi un ser anormal, un tolo, pero pra moita outra tratouse dun ser excepcional. Pequeno lio este da anormalidade, a excepcionalidade e a tolería propiamente dita! Tantos millóns de alemás, de italianos, de rusos puideron tolear e, máis que venerar, adorar ós seus ídolos totalitarios? Cada tempo reclama un xeito de entender a vida e explicar o mundo e, o que é peor, é moi de temer que isto ha seguir así ata a consumación dos tempos.

Que Donald Trump é un ser excepcional ven sendo algo que ninguén obxectará. En que categoría de excepcionalidade deberemos encadralo a el e ós seus millóns de seguidores? De ser na que é moi de temer, na categoría de xentes non moi afectas á reflexión serena e madurada, poderemos esperar deles calquera cousa.
Non cómputo de posibilidades a considerar caberá pensar nun enroque do home da perrera dourada -proxectada a modo de viseira por diante dos seus ollos de xeito que lle impide contemplar moito máis alá do seu propio nariz- na presidencia da que non se quere ir? Cabe, claro que cabe sopesar tal posibilidade. Tamén cabe pensar que de persistir na súa negativa a aceptar os resultados electorais non se aveña ó traspaso de poderes. Que pasaría entón?

Poderá parecer ciencia ficción a mera suposición de tal posibilidade, pero os máis vellos xa recordamos, por exemplo, cando os chineses a indicación de Mao Zedong se ocuparon en matar pardaos porque segundo os seu líder máximo non deixaban medrar o trigo. Imaxinase o lector a millóns de chineses matando pardaos con tiracoios e outros instrumentos ancestrais ata dar conta de todos eles? Pois houbo que importar pardaos a toda presa. Entón eran os insectos os que acababan cos sementados. En Allariz sempre se dixo, coido que tamén noutros lugares, que un tolo fai cento. Iso en Allariz. Dirase o mesmo en Washington e estarán xa dándolle voltas a que facer chegado o caso? Ser son moitos millóns os que seguirían os seus ditados.

Te puede interesar