Opinión

Un esputo por Whatsapp

Foi o venres pola tarde mentres me dedicaba á escribir unha sinxela gabanza "postmortem" na memoria do cantor das cousas belas e neto do concello de Punxín, Alberto Cortez.

Pedía eu, naquel momento, que alguén tivese a ben colocarlle unhas flores sinxelas a carón da rúa que o inmortaliza na súa patria primordial (non estaría de máis que alguén gardase nun libro de notas a iniciativa e propuxese outra rúa na capital cando se constitúan as novas corporacións), cando o servizo de "whatsapp" do meu teléfono esputou (non lle cabe outro verbo) unha indecente brincadeira protagonizada por dous traballadores -traballadora e traballadora- do concello do Carballiño, que viña acompañada duns emoticonos que denunciaban o espanto que lle provocara o devandito vídeo á persoa que mo remitiu.

Debo indicar previamente que o meu encargo público sobre a colocación das flores na memoria de Alberto Cortez, foi debida e agradecidamente cumprido por unha veciña de Punxín que arredor da media tarde do sábado me comunicou que acababa de ler a columna e de contado fora depositar as flores a carón do nome do seu ilustre conveciño. Moitas gracias Elena.

Velaí o día e a noite, o yin e o yang, o abrente e o solpor como espazos contradictorios entre os que se  move o mundo a información. Nós, aquí e acolá procurando unha homenaxe -sinxela, pero homenaxe á fin de ó cabo- para un descendente de Punxín que lle soubo cantar tan ben ás máis nobres características do ser humano, mentres  uns quilómetros máis alá, nas terras capitalinas da comarca do orcellón, outras dúas persoas nos amosaban impunes a través da rede audiovisual a face máis obscena do ser humano, aquela que instalada nunha pretendida posición de superioridade -agora seica se di supremacía- se burlaba da pobreza xunguida á inocencia e a necesidade dun home que só pedía "unhas moedas para un croissant".

Descoñezo as circunstancias que rodearon ó vídeo, pero as imaxes son completamente explícitas, non só a hora de amosar a mofa que ámbolos dous fan con algo tan persoal como é o voto democrático dunha persoa, sexa esta indixente ou millonaria, senón incluso tratando de ir máis alá coa dignidade do esmolante nas suxestións sexuais que lle son insinuadas.

Descoñezo tamén se lles terá algún custe persoal ou non a indecencia, xa que, polo que se ve no vídeo, os dous estaban realizando un traballo funcionarial (repartindo as citacións electorais). É dicir, non estaban ociosos e fóra do seu ámbito laboral.

Supoño que arestora estarán arrepentidos. Aínda que me entran dúbidas de ata que punto o estarán máis: Se de facer o que fixeron ou de distribuílo por whatsapp.

Te puede interesar