Imprimir

Un sentimiento eterno

Chito Rivas |

La Región | 26 de febrero de 2019

Quero ver o mundo desde o alto dunha verza e observar o inferno somerxido entre catro palabras de auga e tres descansos eternos. Sempre haberá por quen rezar uns responsos de afliximento. Aínda que algúns lanzarán foguetes ó ceo. Quero facer malabarismos sobre o sedela dunha cana e berrar ós catro ventos que algún día, quizais algún día, todos seremos uns bichos trotando sobre os lameiros dun lamento. Quen chora. Quen ri. Que canta. Quen berra. Quen queda en silencio. En silencio contemplo as ondas do mar que veñen e van, ó mesmo tempo que noto que un sentimento, que un salouco navega polo Atlántico abaixo. Quero escoitar a Amancio Prada neste día rosaliano e pechar os ollos para que catro versos e un poema se deiten na miña inercia poética, no meu corazón rebentando por un asubío perdido no tempo.

Agora sinto que a verza se abanea, que o sedela se leou entre as gallas dun amieiro e que Rosalía é un sentimento eterno. Negra sombra que me asombras e follas novas nesta noite na que quixera tomar a xustiza pola man. Quero ser un verso, ou aínda mellor, un poema para sentir o zume dunha nostalxia que me arrabuña a alma. Como chove miudiño polos carreiros dunha vida que vai, e vén, e nunca se detén. Quen non xeme?

Puede ver este artículo en la siguitente dirección https://www.laregion.es/opinion/chito-rivas/un-sentimiento-eterno/20190226230529856840.html


© 2019 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons