Opinión

Unha hipótese plausible

Aí atrás faleilles da chegada da gripe en base ó xornal “O Tío Marcos d’a Portela”. E de aí, deume por mirar algo máis noutro facsímile, no d’A Nosa Terra, e voume arriscar a formular a hipótese da conexión entre a gripe do 1918 e o desembarco do grupo dos ourensáns no galeguismo.  Empecemos polo principio. Estes señoritos (Risco, Cuevillas, Otero) andaban moceando co modernismo e co espiritismo ata xullo de 1918 en que pechan a revista La Centuria que fundaran o ano anterior cando xa as Irmandades da Fala inzaban no país. E sabemosdo proceso de “conversión” ó galeguismo o que nos contaronen candanseu texto. O primeiro, de 1920, de Cuevillas, “Dos nosos tempos”; o segundo, a novela “Arredor de si” de Otero (1930); e o terceiro, “Nós, os inadaptados, de Risco (1933). Cuevillasfala sobre todo, das influencia das circunstancias do momento no seu paso ó compromiso; Otero búscase a si mesmo dando voltas arredor de si; e Risco fala, sobre todo, das súas reviravoltas intelectuais.  Ningún deles nomea a gripe.

Pero debeu ser moi importante no compromiso. Primeiro, polagravedade. 250.000 mortos en España, varios miles en Galicia. Segundo, como a enfermidade estaba estigmatizada como tuberculose, mellor, nin mentala. É moi difícil ver a palabra “grippe” n’A Nosa Terra, e iso que tivo unhas consecuencias enormes no movemento. O 31 de agosto aparece na revista que os das Irmandades ían facer unha xira polas cidades e vilas. Á cabeza figuraLois Porteiro Garea e aparecen xa Losada Diéguez e Risco,  e convocásea famosa Asemblea de Lugo, para o 24 de outubro. O 30 de setembro dise “Ten que ser demorada a campaña galleguisa que se ven organizando para este outono. Porque algúns dos propagandistas sofriron doenzas...”. No do 15 de outubro, (a paz mundial fora declarada tres días antes) sinálase “En toda Europa e América chámaselle “grippe española” á doenza epidémica autual. ¿Será este o único “valor” que España poida escrevir no gran capítolo da historia do mundo que agora se vai facer?. E tamén fala de irregularidades na saída da revista “A causa das tristes circunstancias porque vimos atravesando estos derradeiros tempos e que inda non finaron de todo”. No número de 25 de outubro fala da suspensión da Asemblea nacionalista: “Moita e boa gente pensaba ir a Lugo, mas o desenrolo da epidemia grippal fixo demorar a celebración do importantísimo acto. Demoralo -dixemos- pois moi axiña, asina que a grippe decreza, facerase aquela asemblea”... No mesmo número dáse noticia case de hoxe: “Dícennos de Compostela que alí é moi comentado o feito de que haxa tantos médicos enfermos...”. A noticia bomba chega o 5 de novembro: morre o lider indiscutible, Lois Porteiro Garrea... Na necrolóxica, Manoel Banet sinala “... estamos no período máis agudo do andacio, e en todas partes hai doentes a eito...”. A partir dese momento empezan unha sección “liñas de loito” onde, sen nomearen nunca o mal, din os que van morrendo. E iso durou moitos meses. En xullo de 1919, nun artigo Luís Peña Novo, falando da fin da guerra e dos desacougos do momento sinala di algo que tamén nos soa hoxe: “Debemos estudar seriamente todo-losaspeitos da nova vida, debemos prepararnos, preparar a nosa terra prá nova vida”... Incluso, o editorial do número do 1º de Xaneiro do 1920 comeza “Entramos no aninovo. Despois que a caixa de Pandora foi aberta co’as maos de Marte e tódo-los males e doenzas pechados dentro d’elas téñense espallado pol-o mundo adiante, trás un ano de paz -comezo dunha nova guerra irregular, que inda niguén sabe a onde levará á civilización- saudemos aos nosos irmáns c’o fondo agarimo de sempre”. 

Con este panorama, creo moi posible, que a humanizadora aproximación ao sufrimento fose decisiva nesa volta de ollos á realidade, á Terra. Afianzábase un novo romantismoredentorista nuns intelectuais sensibles.

Te puede interesar