con texto

Unha muller bragada

Concepcion arenal_result

Concepción Arenal foi a pensadora española máis importante, orixinal e adiantada ó seu tempo, E a de maior proxección internacional. Dedicou a súa vida Á defensa da muller, a reforma penal e a causa obreira

Eu non sei que actualidade pode ter este adxectivo, aplicado a unha dona afoutada, que empregaba  meu avó, Vicente Álvarez, cheo de admiración cando tiña que falar de mulleres bravas. Como a súa paisana, ferroláns os dous, Concepción Arenal. Dona Concha tiña en Ferrol rúa, instituto e –mesmo- trofeo de fútbol, ao seu nome. Mais mancoulle monumento deica 1986, sendo así que o de Ourense, obra de Aniceto Marinas, fora erixido en 1898. Pero xa en 1882 Alberto García Ferreiro teimaba nel, en vida aínda de Dona Concha (morrería un ano despois), con retranca por parte deste ao rexeitalo. Isto e outras cousas moi sabedoras, e sabidas, están na biografía que da primeira visitadora de prisións que houbera en España, vén de publicar Anna Caballé. E é que Arenal, feminista “avant la lettre”, ben que coas contradiccións nunha época de donas sumisas para as que todo avance era relativo, non soamente se ocupara de mellorar as condicións de presos e presas (sobre todo destas últimas, en mans de monxas nada consideradas coas pobriñas a seu cargo) mais tamén dos manicomios.

Para chegar a semellante posición, conceptual e práctica, Arenal tivo de pasar polo consabido deserto que as mulleres bragadas debían sufrir nun mundo moi de homes. Ben que Dona Concha contara con amizades masculinas ben chamativas, Giner de los Ríos entre outros. E tivera así mesmo o apoio (orfa de pai, militar liberal, moi nova) incondicional de seu fillo maior, Fernando. Con quen, viúva xa, convivirá nos anos finais, en Xixòn, Pontevedra e Vigo (nesta cidade foi morrer a pensadora, ficando a súa cova no cemiterio de Pereiró).

O libro de Anna Caballé, biógrafa de Umbral e tratadista de diarismo e feminismo, vén acompañada de importante documentación, literaria e gráfica. E aporta moitos datos, alguns tan imprecisos como o número da casa en que nacera Dona Concha, na Rúa Real de Ferrol, seica; algún, eu mesmo dabamos por válida a Rúa do Hospital, actualmente Concepción Arenal, na cidade de Vicetto,  Pérez Villaamil, Pablo Iglesias, Canalejas, Francisco e Ramón Franco, Álvarez de Sotomayor e  Carvalho Calero, entre outros, tan sobranceiros como contradictorios. Así o tempo que lle tocara vivir a tan bragada muller.

Te puede interesar