axenda cultural

Unha vida en fotografías

mtp2666_result
photo_camera Tomás Vega Pato, o pasado día 26 de outubro na inauguración de "Antolóxica" no centro cultural Marcos Valcárcel.

"Antolóxica" recolle obras, cámaras e obxectos de Tomás Vega Pato, unha escolma que serve coma homenaxe a este profesional xubilado fai 15 anos

"A miña formación era moi distinta pero acabei facendo moita fotografía, non parei nunca", explica Tomás Vega Pato (Manzaneda, 1938). Unha mostra de todo o que fixo como fotógrafo ensínase estes días no Marcos Valcárcel baixo o nome de "Antolóxica", unha exposición que se pode ver ata o día 9 de decembro e que promoveron Marta Vega, filla do artista, e Xosé Lois Vázquez.

Vega Pato asegura que "Antolóxica" é tamén "unha forma de agradecelle á xente o que fixo por min ao largo da miña carreira como fotográfo". En todos estes anos, as técnicas foron evolucionando de forma significativa, e este fotógrafo asegura que se perdeu moito coa dixitalización do proceso. A exposición recolle esa evolución,mostrando algunhas das cámaras ou produtos químicos que empregou en diferentes épocas.

Ademais, os promotores desta homenaxe ao profesional fixeron "unha escolma da miña fotografía, que abrangue todo o meu percorrido. Eu teño un arquivo moi amplo, onde un se pode atopar tanto imaxes do rural, da serra de Queixa, como fotos de  labores diarias nas aldeas e moitas estampas da cidade", explica Vega Pato.

O artista di sentirse "moi sorprendido. A acollida que tivo 'Antolóxica' foi unha das sorpresas máis gratas da miña vida. O día da inauguración notei moito agradacemento, algo que botaba en falta despois de 15 anos xubilado". 

Lugar: centro cultural Marcos Valcárcel
Aberta ata o 9 de decembro.

Te puede interesar