Día das Letras Galegas

A Universidade celebra de xeito virtual o Día das Letras Galegas

Neste 2020, o Día das Letras dedícase ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero

A suspensión da actividade presencial nos campus por mor da crise da Covid-19 non impedirá que, como é habitual, a Universidade de Vigo celebre o Día das Letras Galegas, que neste 2020 dedícase ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero. Afondar, desde diferentes perspectivas, na figura e traxectoria do homenaxeado será de feito o obxecto central do acto virtual que a institución académica desenvolverá este venres ás 12,00 horas e que poderá seguirse a través do Campus Remoto e de UVigoTV. Organizado pola Área de Normalización Lingüística, nel intervirán a profesora emérita do departamento de Historia Arte e Xeografía e filla do escritor, María Victoria Carballo-Calero, a tamén profesora emérita da Universidade de Vigo Camiño Noia, a que fora catedrática de Didáctica da Lingua e Literatura Galega na Universidade de Santiago Aurora Marco, e a filóloga, exdeputada autonómica e exdocente da Universidade da Coruña Pilar García Negro.

"A Universidade ten un compromiso social e unha responsabilidade en todo o que ten que ver coa promoción da lingua galega, que non pode ser allea ao Día das Letras Galegas", subliña o director da ANL, Fernando Ramallo. De aí que optasen por sumarse, dous días antes, á conmemoración do 17 de maio cun acto "diferente aos doutros anos, un acto virtual que esperemos que sexa atractivo", que poderá seguirse en directo a través da rede. En anos anteriores, lembra Ramallo, este acto de celebración servía tamén como marco para a entrega dos Premios de poesía, relato curto e tradución da Universidade de Vigo, mais neste 2020 a situación xerada pola Covid-19 obrigou a interromper ata novo aviso o prazo de admisión de propostas. Deste xeito, o acto deste venres "estará centrado exclusivamente na figura de Carvalho Calero, nas súas achegas lingüísticas e literarias, pero tamén na súa contribución política".

Este acto do Día das Letras Galegas virtual reunirá tres expertas "que nalgúns casos tiveron unha relación intensa con Carvalho Calero, e que polo tanto tamén nos poden falar da súa experiencia persoal con esta figura", como salienta Ramallo.

Te puede interesar