O Campus de Ourense colabora por primeira vez co Banco de Alimentos na recollida de productos para os máis necesitados. A resposta da comunidade universitaria está sendo plenamente satisfactoria.

Os universitarios enchen o carro

O carro ubicado no Edificio de Ferro estaba case cheo durante a mañá do mércores. (Foto: MIGUEL ÁNGEL)
Din que durante a época de Nadal, o carácter da xente varía e faino para ben. Nestas datas, a solidariedade cos que menos teñen é un obxectivo común e son moitas as iniciativas que perseguen sumar esforzos para que a igualdade domine nas festas. O colectivo xuvenil Amencer iniciou xa a recollida de comida, xoguetes e diñeiro dentro da 'Operación Quilo', que desenvolven de xeito ininterrompido dende hai 25 anos e a tenda de Unicef volveu abrir as portas nas Galerías Centrais da cidade para vender productos solidarios.
Ninguén quere permanecer alleo no camiño da axuda ás familias que con peor situación económica afrontan o Nadal. O consumismo é un ingrediente máis nas mesas cristiáns, pero cada vez son máis as persoas devoradas materialmente por unha crise que non dá chegado á fin e que se ven obrigadas a medir céntimo a céntimo ata o que comen. Por iso, o Banco de Alimentos de Ourense o que busca é darlles algo que xantar ós máis desfavorecidos en noites especiais. Este ano, non emprendeu só a carreira pola suma de xenerosidade, senón que o Campus Universitario, amparado pola Vicerreitoría e o Servizo de Voluntariado, estalles axudando nesta causa benéfica.

Cada entrada de cada edificio da Universidade ourensá acollerá un carriño da compra ata o vindeiro xoves, día 21, para recoller alimentos básicos que despois lle entregarán ó propio Banco de Alimentos, encargado de repartir o material. Neles, membros da comunidade universitaria, sobre todo, pero tamén alleos a ela depositan cada día arroz, leite, aceite, pastas... Son os productos de primeira necesidade os que máis falla lles fan ós máis de 15.000 persoas con dificultades que a día de hoxe hai na provincia. Dentro deles, se alguén decide aportar alimentos perecedeiros coma o azucre ou as latas de conserva, o Campus rógalle que a data de caducidade sexa o máis ampla posible, posto que as doazóns non se entregarán ata o día 21.

O Banco de Alimentos a través da Universidade acepta elementos perennes, como pode ser o caso das legumes. Finalmente -e tendo en conta as datas que cada día están máis próximas-, son benvidos tamén productos típicos do Nadal.

É a primeira vez que o Campus Universitario de Ourense se involucra nesta iniciativa e, segundo informan dende Voluntariado, a resposta está sendo máis que satisfactoria. Por iso, pensan xa en repetir o ano que vén. Grupos de investigación coma o Bioscope xa aportaron o seu graniño de area con 50 euros en leite.

Os primeiros carriños da compra en enchrse foron os dos edificios Politécnico e Xurídico-Empresarial. Pero non por iso desaparecerán do seu emprazamento, senón que o Banco de Alimentos pasou a baleiralos o mércores para que continúen recibindo xenerosidade. Toda axuda é pouca nunhas datas nas que as desigualdades sociais salientan máis ca nunca.

Te puede interesar