Opinión

Vai vir o lobo?

Antes dicíase que cada vez había menos lobos no monte e máis cans asilvestrados. Agora non se oe falar dos segundos. O que é seguro que hai é máis xabarís. Pero ó lobo, só o vin dúas veces. Unha, moi de cedo pola zona de Montederramo, hai anos, e a outra na serra do Leboreiro, tamén de amañecida, hai poucos meses. Pero polas queixas dos gandeiros, agora, cos montes a monte, seica ha de haber bastantes máis. Pero andan ao seu, claro, a comer de cando en vez un xato ou un poldro, e a fuxiren da xente e viviren en calma. 

O que parece que hai cada vez máis son lobos de dúas patas. Falo daqueles lobishomes que na actualidade negocian co sufrimento alleo, procurando un beneficio económico puro, como se non estivésemos todos aquí de paso. Eses que non se axustan a nada fronte ao negocio e deixan eses “entretementos” de razóns morais ou éticas para os que non teñen outra cousa en que enredar. Negociantes da inxenuidade e do medo alleo asustándonos sempre co lobo. E un día, a eles tamén lles chegará o de verdade, en forma de praga bíblica, de asteroide descontrolado, ou de labarada solar que lamberá a terra. Daquela marchamos todos xuntos.

Si, pero de momento, estas cousas son pouco probables e non sei cantas veces veu o lobo sen vir. Se un conta as advertencias catastrofistas de supostos especialistas -nada máis fácil que recadalas, pois se polo pan baila o can, non lles conto o lobo-, digo que se un conta as veces que nos advertiron de que estábamos a puntiño de deixar este mundo por distintas circunstancias catastróficas e se contamos os cartos que gañaron algúns a custa dos medos esparexidos, quedamos pampos.

Lembren. Houbo problemas, sempre, e fómolos solucionando. Chernobil, o paroxismo da chapuza soviética, coa radiación tóxica a esparexerse polo aire, desacougou e matou algunha xente de preto, pero arestora é xa un santuario de fauna salvaxe. O efecto 2000 ía colapsar todos os ordenadores do mundo, os avións caerían, os embalses rebentarían, os bancos perderían as nosas contas… E pasou o día, pasou a romaría sen pena nin gloria. E despois viñeron outras pragas apocalípticas. Coas vacas tolas, modificamos os hábitos alimenticios. Coa gripe aviar case acabamos coas mans de esfregadas co alcohol azul que puxeron por todas partes e dos que aínda quedan algúns furrichadores ciscados por aí. Co ébola, co Urquiola, Casón, Prestige... cos incendios do Brasil, cos de Australia, cos tsunamis do Índico ou de Xapón, coas gripes A, B ou C, cos fríos, coas calores extremas... Xa en vez de dicir “chove moito” dicimos “alerta vermella”. Somos como uns farrapiños de neve abaneados e condicionados polas palabras dominantes na información. Parece que o seu obxectivo non inocente é manter desacougada ao persoal. Provocar un medo, un temor permanente ao que está por vir, excitando pánicos permanentes para os que bioloxicamente non estamos preparados. Así explica un o gasto en ansiolíticos: máis de 9.000 millóns de euros en España ao ano; porcentualmente o máis alto de Europa. Apocalípticas nesa liña, as descualificacións entre as persoas; sen tino nin medida. Cómpre calma para vivir. Ninguén pode dicir de nada que poida resolver mellor estando enfadado e nervioso que calmado e tranquilo. Daquela, promovamos desde os medios a calma. O lobo tampouco vai vir desta. O coravirus pasará, en canto deixemos de mirar para el. Xa verán.

Te puede interesar