Celébranse 100 anos da creación da sociedade de emigrantes en Buenos Aires, que pagou a escola
A Asociación de Veciños A Tarazana de San Xosé da Carballeira, no concello de Nogueira de Ramuín, celebra mañá domingo cen anos da constitución da Sociedad Cultural de La Carballeira y sus contornos en Buenos Aires, baixo a que os emigrados se xuntaron para reunir diñeiro e construír o edificio escolar. Con ela tamén colaborou a Sociedad Cultural de Nogueira de Ramuín.
A escola é na actualidade a sede da asociación, e foi feita grazas as aportacións dos emigrantes de Buenos Aires.
Con ese motivo, os veciños farán mañá unha homenaxe aos emigrantes grazas aos que a maioría dos veciños desta parroquia recibiron formación neste singular edificio que hoxe está dedicado a local social.
Este domingo haberá unha charla, un descubrimento dunha placa conmemorativa e uns pinchos ás 13,00 horas no local da Tarazana.
A escola foi inaugurada no ano 1936 e contou cun orzamento de 30.000 pesetas, aínda que a súa construción inciárase xa en 1922.