Opinión

Un veredicto que non implica por forza a prisión permanente revisábel

Oxurado popular ven de declarar culpábel ao Abuín Gey dos delictos de detención ilegal, asasinato e agresión sexual indeterminada a Diana Quer. Ao tempo, considera non probada a violación e admite a confesión polo reo da morte causada e a súa colaboración coa policía relevante, mais non absolutamente determinante, para achar o corpo da vítima.

Ao abeiro deste veredicto o maxistrado-presidente só podería condenar á prisión permanente revisábel (PPR), pois que o artigo 140 Código Penal dispón a aplicación automática desta pena cando o reo por asasinato cometese sobre a vítima con anterioridade un delicto contra a liberdade sexual. Non se require que sexa violación (=acceso vía vaxinal, anal ou bucal) . Pode ser calquera outra agresión ou abuso. 

Así e todo, a defensa do reo poderá explorar futuras vías de apelación perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por mor de eventuais feblezas do veredicto, nomeadamente na determinación acreditada deses actos de contido sexual non acreditados.

O xurado popular recoñece a base de feito precisa para considerar presente na conduta do Abuín Gey unha atenuante de confesión relevante, mais non determinante. Poderá, pois, cualificarse como atenuante, quer simple, quer moi cualificada. Se o presidente coida que esa relevancia cualifica nomeadamente esa atenuante poderá rebaixar a pena de PPR á inferior en grao (de 20 a 30 anos, máis ben entre 20 e 25 diante da ausencia doutras agravantes). 

Mais se o maxistrado-presidente considera que a atenuante é simple non poderá evitar a condena á PPR. Mais si poderá suspender a sentenza cuestionándolle ao Tribunal Constitucional (TC) (como pode e debe facer todo xuiz que considere que unha lei directamente aplicábel a un caso é de dubidosa constitucionalidade) se é compatíbel neste caso cos principios constitucionais de legalidade, humanidade, proporcionalidade, determinación, rehabilitación e reinserción das penas unha sentenza que non poida moderar en nada unha pena de PPR malia existir unha circunstancia atenuante baseada nunha confesión-colaboración relevante. Nese caso o TC habería acumular esta cuestión da Audiencia compostelà co recurso de inconstitucionalidade de 2015 do PSOE, CiU, PNV e BNG.

Xa que logo, o aparente automatismo que determinaría imposición da PPR non é tal. A derradeira páxina da sentenza aínda está por escreber, sen prexuizo do que no futuro dirán o TSXG en apelación, o TS en casación ou o TC en amparo.

Te puede interesar