Opinión

Veterinarios públicos

Pídeme un bo amigo que escriba sobre unha iniciativa que se está poñendo en marcha nalgúns países onde se lles pide ás autoridades que creen hospitais veterinarios públicos. Seguramente isto pódelle parecer unha frivolidade a moita xente que a penas ten trato con cans e gatos, pero  seguro que interesará aos cada vez maís numerosos amigos dos animais de compaña. 

Moitos dirán iso de que o primeiro é mellorar a sanidade dos humáns e deixarse de “pamplinas”, pero todos os que senten á súa mascota como un membro máis da familia estarán a favor dos colectivos que loitan pola dignidade dos animais. E xa non digamos se ese can ou ese gato son pezas importantes nas terapias físicas, psicosociais ou cognitivas, e nas enfermedades como o alzheimer ou a terrible depresión, que aínda a día de hoxe sofren en silenzo milleiros de persoas de todas as idades, clase e condición. 

Pero o gran problema xorde cando un destes animais que convive durante anos no seo das familias ponse enfermo ou hai que operalo e hospitalizalo, cuns custos que poden chegar a poñer patas arriba a economía familiar, provocando en non poucas ocasións grandes dilemas sobre que facer co pobre animal. 

Eu non teño animais, e neste momento nin sequera podo achegarme por recomendación médica a algún que quero especialmente, pero asegúrolles que vivín de xeito moi próximo algunha desas situacións e non dubidei nin un segundo en estar aí, tratándose como se trataba da querida “Chola”, unha marabillosa cadeliña que tiven na casa ao pouco tempo de nacer, recén chegada de Ourense, cando os amigos Ricardo e Santi demostraron unha enorme dose de xenerosidade para que outras persoas gozasen coa compaña dunha das crías máis bonitas da camada de Mariló, que así se chama a nai da criatura.

Pois esta Choliña marabillosa veu encher de vida a casa na que vive felizmente, e non quero nin pensar o que lle sucedería á súa dona se nos momentos nos que precisaba de intervención veterinaria non puidese facerse por falta de medios.

Pero ¿cantas “Cholas” hai que non teñen tanta sorte porque os seus donos non poden afrontar eses gastos?, ¿non haberá maneira de crear eses hospitais ou centros veterinarios públicos que poidan realizar cirurxías, esterilizacións, estudos radiolóxicos, etc, de xeito gratuito? Sei que o que digo ten a súa polémica e haberá moita xente que diga iso de que “o que queira ter un animal que o coide e o cure”, pero eu sigo pensando nas moitas persoas ás que estes seres queridos, que tamén se fan maiores e teñen achaques, lles axudan a tirar cara adiante. Estou seguro que moitos de vostedes coñecen algunha situación destas.

 Eu, sen ir máis lonxe, vivín esta semana unha anécdota que vén ao caso; unha veciña que entraba no ascensor coa cadeliña que a acompaña de por vida, e eu dígolle que teña coidado coa correa non vaia ser que o ascensor se peche e quede enganchada; a resposta da miña veciña non se fixo agardar, “antes morro eu”. Seguro que non esaxeraba moito, como non esaxeraba nada a miña querida amiga Esther cando choraba de emoción o día que tivemos que operar á Chola e saíu prácticamente coleando do quirófano. Outras e outros non tiveron nin teñen tanta sorte.

Te puede interesar