La REVISTA

Viaxeiro de interiores

Este libro do poemas do vigués Alfonso Armada é todo un impacto na liña de flotción do barco do sentimento lector. Ao menos no meu, conmovido, sublimado polo que se di ou, cando menos, se adiviña

20180705211227521_resultFermosamente presentado, desta volta o título non engana nin sequera na capa, auténtico caderno, este libro de poemas do vigués Alfonso Armada é todo un impacto na liña de flotación do barco do sentimento lector. Ao menos no meu, conmovido, sublimado polo que nel se di ou –cando menos- se adiviña. Ora, non haxa confusións, so da súa prudencia confesional subxaz un tratado de comportamentos ou actitudes, ou de cómo o viaxeiro, por Rusia, sobre todo, por Santiago de Compostela ou Portugal o que fai, en realidade, é autoexplorarse, proxectando o seu mundo cara ao dos demais, sorprendentemente recoñecidos neste poeta do amor (se cadra “malgre lui”, non volo sei) que se ispe alentado por Brodsky, Fiodor M. Dostoievski ou Chejov.  Que se ispe  para volver poñer o hábito de poeta do coñecemento, claro que inspirado por un anseio de comunicación. Que en absoluto falla neste libro disolvido en poemas mais que conforman un  só, un poema-libro por enteiro, que fai monólogo do diálogo que se trae Alfonso Armada coas súas pantasmas.

Un dos mellores libros de poemas que eu teña lido últimamente. Un libro cheo de cultura mais que se racha deica chegar a eses infernos interiores que se chaman viaxar con un mesmo, a través dos entobos propios, que poden estar na Estaciòn de Finlandia ou na Quintana dos Mortos (Santiago de Compostela). Sospeito que as actividades diversificadas do activista cultural, Alfonso Armada, ata non hai moito director do suplemento cultural do ABC, impiden que a súa poesía teña a proxección debida. Ao que se debe engadir que sexa un autor bilingüe (en galego e español) O que tampouco axuda. Eu debo dicir que poucos libros recentes teñen influido, como este, na miña reeducación sentimental.

Eu, que son oito anos máis vello que Armada, veño un pouco tamén dos mesmos infernos/ ceos. E, moitas veces, gusto de identificar(me) co que leo, e volvo interpretar. Porque, xa se sabe, a poesía chega onde acaba a filosofía. Ou cousa semellante. Logo comeza a música. Pero ese xa é outro cantar. Aínda que nesta entrega de Alfonso Armada a música veña implícita. O resto é soidade. E toda aquela retórica comunista que alumeara parte da nosa historia. Cando tanto se falaba do home novo. 

Te puede interesar