Presidente da Asociación de Actores e Atrices de Galicia

Vicente Montoto: ‘Os actores estamos máis afeitos á crise económica e o paro que os banqueiros’

Vicente Montoto (Untes, Ourense, 1943) foi un emigrante máis. Cruzou o charco e foi á Arxentina para formarse na Escola de Arte Dramático de Boyce Díaz Ulloque e no Instituto de Teatro da Universidade de Bos Aires.
Despois dos seus inicios en Arxentina, Vicente Montoto volveu a Galicia e desenvolveu unha longa carreira como actor. A súa estrea audioviual chegou da man de Chano Piñeiro, en Esperanza; despois virían moitos outros papeis no teatro, televisión e cine. As súas últimas pegadas están en Heroína, O regreso ó deserto ou La Bella Otero. Dálle vida a Carolo, o mariñeiro do Berbés que encarnou a resistencia de Vigo ante os invasores franceses, na curtametraxe sobre o bicentenario da Reconquista.

Ademáis de actor, director e autor teatral, Montoto foi desde sempre un activo sindicalista no sector. Agora preside a Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Logo de longas negociacións cos sindicatos, Escena Galega e a Axencia Galega de Industrias Culturais, os actores galegos teñen por primeira vez un convenio laboral.

¿Foi difícil o acordo?

Botamos moitos anos intentando abrir a negociación e constituir unha mesa, pero a parte empresarial desfíxose e non puidemos consolidar o feito nos quince anos anteriores. A negociación retomouse hai un ano e, tras moitos encontros, agora chegamos a ese punto de encontro.

¿Eran moi distantes as posicións?

Non había grandes diferencias. Todas as partes fixemos un esforzo para ser realistas e conseguir un convenio que non perturbase o sector. Coido que traballamos ben e, partindo das propostas iniciais, conseguimos establecer un marco laboral que fixa obxectivos a catro anos para que o sector se vaia adaptando a esta nova situación. Fixemos un traballo moi responsable porque estabamos sentado as bases futuras da nosa forma de vida.

¿Por qué non houbo convenio ata agora?

Mentres que os actores e actrices levamos vintecinco anos coa asociación e facendo exercicios de representación, os intentos por parte das empresas e das compañías foron fallidos ata que xurdiu Escena Galega.

¿Cómo se regulaban as relacións laborais?

Pola costume. Todos coñece mos a todos e, mais ou menos, íase facendo unha aproximación en todos os niveis: salarios, dietas, horarios... No pasado facíase todo dun xeito intuitivo. Agora esperamos que, co convenio, se consolide esta actividade como unha verdadeira profesión. O documento ten 27 artigos que inclúen fórmulas de contratación tomadas do modelo catalán. Diferencia catro categorías (protagonista, principal, secundario e reparto), establece as prestacións por ensaios e substitucións.

¿Hai algún punto do que se sinta especialmente satisfeito?

Son todos importantes. En Galicia son destacables aqueles relacionados coa itinerancia, os traslados e a estancia nos lugares de traballo. As condicións salariais quedan fixadas. Por exemplo, para un protagonista en 1.535 euros brutos ó mes e 161 por cada bolo, para os vindeiros tres anos haberá un aumento do IPC máis unha suba do 5%.

¿Hay moito intrusismo na profesión?

Se hai intrusismo é empresarial; téñense detectado algúns casos de compañías que, sen avais nin experiencia, intentaron ocupar unha posición no mercado. Entre traballadores non podemos falar de intrusismo porque, con máis ou menos anos de formación, a profesionalidade chega coa continuidade no traballo.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia puxo na rede un catálogo de interpretes on line. É unha iniciativa pioneira que leva tres meses en Internet. ¿Aumentaron as ofertas de traballo?

É cedo para facer un balance; as visitas á nosa web aumentaron e haberá que agardar a que pase máis tempo para ver os resultados. O catálogo xa estaba a disposición das produtoras desde hai tempo, pero ó colgalo na rede queremos chegar a outros circuitos fóra de Galicia e consolidar a nosa presenza en Madrid. A Asociación ven publicando o catálogo desde o seu nacemento, pero agora intentamos aproveitar as posibilidades que ofrecen as novas tecnologías. Do papel pasámolo ó CD e, tendoo neste formato, non había motivos para non levalo a Internet. A rede ofrece, ade mais, o valor engadido da actualización permanente; cada actor ou actriz pode renovar o seu currículum todos os días. Esta novidade é moi valorada polas diferentes produtoras.

¿Xa se deron casos de actores que recibiron novas ofertas despois de que unha compañía ou unha produtora o vise no catálogo?

Son moitos os que reciben peticións para facer probras, pero aínda é cedo para avaliar os resultados reais.

¿Era necesaria esta ferramenta? ¿Non se coñecen no mundiño?

Se existía, o descoñecemento seguirao habendo. Na medida en que os actores galegos teñan unha presenza cada vez máis significativa en Madrid, o sector verá que aquí hai un viveiro importante de actores. Esa valoración coincide co acceso a esa información desde fóra gracias ó camiño aberto pola ducia de actores que tiveron sorte en series das televisións españolas; chegou un momento no que semellaba non haber serie de prestixio sen actores de galegos.

En tempos de crise e paro, ¿como están as cousas no sector?

É un sector abocado á crise permanente. Os actores estamos máis afeitos á crise que os banqueiros, estamos moito mellor preparados para afrontala que os especuladores do ladrillo. Danme unha pena, pobriños (riso cargado de ironía). Nós convivimos coa crise desde sempre e xa sabemos cales son as vías de escape ás que debemos recorrer cando a situación é crítica.

¿En que proxectos de futuro traballa a Asociación de Actores de Actrices de Galicia?

Sempre estamos intentando cousas. É fundamental mellorar as ferramentas da transmisión de ideas aproveitando as posibilidades informáticas. Centramos os nosos esforzos na mellora da web para incrementar os contidos consolidar a asociación. O noso obxectivo e chegar cada día a máis xente; o raro para un actor ten que ser estar fóra da asociación. Que ninguén se quede sen os servizos que ofrecemos e que poidamos aproveitar a nosa forza colectiva.

E, a nivel persoal, ¿en qué anda enredado?

Estou nunca etapa reflexiva, propia de tempos de crise. Hai cousas no aire e posibilidade dalgunha película, pero nada confirmado. Estou pendente tamén da estrea doutros traballos.


Te puede interesar