Opinión

Vila, escultor de chatarra arbórea

20180427174723905_result
photo_camera Alfonso Vila, ante unha das súas tallas.

Media vida no monte coas vacas e vendo carrancoñas ou raíces a moreas. Unha vida enteira andando nas poulas á leña e á sombra das árbores pero sen me decatar, sen caer na conta do que podía dar de si unha carrancoña ou unha árbore seca, ou caída, ou abandonada. Claro que, para iso, cada un está nesta vida ou neste val de bágoas simplemente para o que vale. E hai algúns que non valemos para nada. E hai outros que, cunha simple carrancoña, descobren todo un mundo. Todo un mundo real e, por que non, tamén ficticio. No recanto ficticio adoitamos acumular os soños.

Alfonso Vila é deses que cunha simple ollada a unha árbore medio podrecida descobre o mundo, os soños e o que se lle poña por diante. Desde hai moitos anos sae ó monte, ve unha carrancoña, bótalle así coma quen non quere a cousa unha visual e xa ve un can erguendo a pata dereita na postura de facer as súas necesidades menores. E se non, con media reviravolta que lle pegue ó tronco da árbore, capta a figura dun raposo cazando unha galiña. Xa como última opción segue con outra reviravolta e sabe que con dous toquiños de navalla pode facernos ver un becerro acabado de nacer. "A escultura faina a natureza. Xa está aí. Eu só lle dou forma", confesoume hai uns días cando me entrevistei con el.


Atopeino en Internet


É certo que a Internet empeza a ter fama de acumular moitas falsidades. Pero grazas a ela foi como descubrín a Alfonso Vila. Como últimamente estou facendo, ando a fochicar na procura de novas interesantes, principalmente, sobre Baños de Molgas. Hai xa uns meses atopeime  cunha entrevista dunha tal Ángela Serna que lle facía a un cal Alfonso Vila, de Baños de Molgas, nado o 24 de xullo de 1951. Con estas datas xa souben que andaba polas idades dos meus irmáns. Así é que debería de coñecelo eu tamén. Como a entrevista traía unha pequena foto dun grupo de xente, axiña os ollos se me foron a unha figura coñecida, e non polo Alfonso en si (a este desde rapaz non o vería máis), senón polo seu irmán Victorino. "O da foto é fillo do Hermesindo, o das Gaseosas", me dixen. Ademais, concordaba o apelido. Porque o Hermesindo sería O das

Gaseosas, pero cando entrabas nos bares de Baños de Molgas, en vez de pedir un vasiño de gaseosa ou de laranxa, pedías "un Vila". Dáme un Vila. E o do bar xa sabía que non era unha Fanta ou unha Mirinda ou un Kas, senón un Vila. Ou medio Vila (o de medio é porque naqueles anos dos 60 e 70 había uns vasiños cunha raía circular no medio para medir ben a cantidade. Non todos podiamos pagar un Vila enteiro... algúns nin medio Vila, pero...).

Na entrevista descubrín que o meu veciño Alfonso (aquí fago unha paréntese para aclarar a veciñanza: que os Vila son do barrio da Estación, e o barrio da Estación en Baños de Molgas é coma, non sei, coma o barrio da Ponte en Ourense; é Ourense pero non é Ourense, entendedes?), digo que Alfonso Vila dedicábase a esculpir tallas e debuxos ou figuras na madeira e no bar que tiña en Vitoria os seus estantes seica estaban máis cheos de esculturiñas que de botellas á venta. Un particular museo para goce de calquera que entrase a tomar algo.

Hoxe, tal particular museo trasladouse á vivenda e á bonita finca que ten en Maceda, moi preto do castelo. Sinceramente, dáme un pouco de rabia, de carraxe, e así llo dixen, que tales figuras, que cales soños e fantasías e realidades estean agochadas ás miradas da xente. Percorrín o "taller" onde traballa e a finca na que ten esparexidas as esculturas máis grandes e prometo que son dignas de ver. O mesmo me aconteceu cando vin as navallas de Ramón Cid, do Moncho de dona Nieves, que unhas e outras non teñen un lugar en Baños de Molgas para as súas exposicións. Exposicións que podían ser incluso permanentes. E seguro que hai máis xente que teña as súas cousiñas medio escondidas porque non hai lugares para que as admiremos.

A Alfonso Vila pasoulle o que lle aconteceu á maioría daquela época: que, ó non estudar, non lle quedou outro que emigrar. El fíxoo xa ós 15 anos, que largou para Vitoria a traballar na construción. Un ano máis tarde marcha para Suiza para seguir realizando esa labor e no 1975 tivo que facer a mili, o servizo militar en África porque se metera na Lexión. Cando se licenciou e chegou a Baños de Molgas, alguén o convenceu para que se fixera cargo das piscinas do parque Ansuíña. Só botou unha tempada e, ale, xa definitivamente para Vitoria, onde, no 1986, montou o bar que comentabamos liñas atrás. Foi máis ou menos por esa época cando empezou "a traballar" a madeira. "Empecei cunha vara de acivro na que tallei unha serpe". Agora, xa xubilado, segue na procura "da chatarra que hai no monte". Lembremos que el só colle o que está caído, podrecido ou arrincado; de aí que lle chame chatarra ou ferralla.n

Te puede interesar