Ocio

Vilar de Santos proxecta unhas “Escolas de empoderamento”

As actividades comezarán a celebrarse a partir do vindeiro martes, día 18 de agosto

O Concello de Vilar de Santos proxecta novas actividades de cara á recta final do periodo estival. Unha delas ten que ver co fomento da igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero. Trátase, concretamente, das chamadas "Escolas de empoderamento" de Vilar de Santos que comezarán a celebrarse a partir do vindeiro martes, día 18 de agosto. 

As actividades para a promoción da igualdade dividiranse, por unha banda, no apartado de saúde e autocoidado -nesta liña, trataranse aspectos como a alimentación, as enfermidades derivadas das malas prácticas neste senso ou a posibilidade de consumir conservas naturais-. Por outra parte, a formación dedicará outro epígrafe á autoestima e ao crecemento persoal: estudiaranse as habilidades sociais, a risoterapia, o ioga, a fotografía ou talleres de memoria. 

Por último, as "Escolas de empoderamento" de Vilar de Santos reservarán parte do seu tempo á actividade física e ao deporte. Nesta liña practicarase a autodefensa, ensaiarase a prevención das caídas e celebraranse xogos e saídas ao exterior. 

As prazas para participar nesta iniciativa serán limitadas e, para obter máis información, será necesario dirixirse ao Concello de Vilar de Santos, onde tamén se poderán formalizar as inscricións. Todas as actividades terán lugar baixo estritas medidas de seguridade.

Te puede interesar