o ribeiro

O ViñoBus visitará castros, mosteiros e pazos do Ribeiro

o ribeiro
photo_camera Francisco José Fernández, Sandra Quintas, Nava Castro, Juan Manuel Casares e Rosendo Fernández. (MARTIÑO PINAL)
O programa contempla tres rutas dende as cidades de Galicia os días 14, 21 e 28 de setembro

A Ruta do Viño do Ribeiro, o Consello Regulador da Denominación e o Xeodestino Ribeiro–Carballiño, coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, poñen en marcha novas rutas do ViñoBus para complementar a súa oferta enoturística durante o mes de setembro, coincidindo coa actividade da vendima,  centradas na promoción dos recursos patrimoniais e da cultura do viño. Os itinerarios están centrados na temática da historia e comezarán o vindeiro sábado, día 14, ás 9,15 horas, cun autobús que partirá de Santiago para percorrer a pegada histórica que as ordes monacais. Nesta ruta, os visitantes terán a oportunidade de gozar da visita ao mosteiro de San Clodio e o Museo do Viño de Galicia, así como adegas socias da Ruta do Viño.

O día 21 de setembro, a temática xirará en torno á cultura castrexa, incluíndo visitas dende Vigo ao castro de Santa Lucía en Castrelo de Miño ou o castro de San Cibrao de Las, en San Amaro, ademais de coñecer tres adegas da zona. A última viaxe partirá de Ourense o día 28 de setembro, cun percorrido polo Esplendor dos Pazos, co obxectivo de descubrir as edificacións senlleiras de Pazos de Arenteiro, declarado conxunto histórico artístico, en Boborás,  e visitar tres adegas da Ruta do Viño. Tódalas rutas disporán de servizo de guía turístico e o custe das viaxes é de 15 euros, e os billetes están á venta en ataquilla.com, ou nas sedes de Afundación de Santiago, Vigo e Ourense.

Na presentación desta iniciativa participaron o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; o presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares; o presidente do Xeodestino Ribeiro – Carballiño, Francisco José Fernández; e a xefa territorial de Turismo e Cultura, Sandra Quintas.

Te puede interesar