Axenda cultural

Os vinte anos de música de Guadi

20180913183706952_result
photo_camera Guadi Galego, durante unha das súas actuacións.

O Auditorio de Verín acollerá este sábado o fin de xira da artista Guadi Galego, quen levará á vila as súas cancións "intimistas e metafóricas"

"Non sei si realmente me adico á música, ou se me quero ocupar completamente a isto. De momento a miña realidade está ligada á música, polo que me deixo levar, pero non sei que me deparará o futuro".

Así explica a artista Guadi Galego a súa conexión co arte. Con vinte anos de carreira profesional ás súas costas, na que formou parte de bandas como Berrogüetto ou Nordestinos, no ano 2009 Guadi decidiu "marcar un punto e aparte" e comezar a súa carreira en solitario. "Levaba dez anos formando parte dun grupo e sentín que chegou un momento no que precisaba descansar, parar e poder establecer os meus propios tempos", sinala a compositora.

Neste sentido, "o meu primeiro traballo en solitario, 'Benzón', foi un exercicio de tránsito para acostumarme a esta nova realidade". A este primeiro traballo uníronse "Lúas de outubro e agosto", lanzado no ano 2014, "O mundo está parado", do 2016 e "Bóla de cristal", un epé que continúa o álbum anterior, pero que a nivel estético "dá un pasiño máis e trata un concepto máis global", relata Guadi, que estará despedindo a súa xira mañá no Auditorio Municipal de Verín.

Cun estilo musical que autodefine como "canción de autora", Guadi afirma que as súas letras "definen a miña forma de ver a vida, polo que son empáticas e conectadas ao social, pero tamén teñen unha parte metafórica. Son letras intimistas, pero sempre conectadas ao mundo". A súa música tamén está definida pola lingua galega: "Canto na miña lingua porque forma parte da miña natureza, é unha asignatura que temos pendentes, devolverlle o auxe ao noso idioma".

En Verín, Guadi despedirase temporamente dos escenarios para comezar a traballar no seu próximo traballo. "Non quero pórme presións nin metas, pero nesta ocasión apetéceme dar un cambio de xiro, así como investigar con outros sons e formatos" adianta Guadi, quen avanza a súa intención de lanzar o seu novo traballo no vindeiro ano.

Te puede interesar