Volta ás aulas da nova normalidade

As cámaras de Telemiño acompañaron á comunidade educativa do CEIP Mestre Vide no retorno ás rutinas despois de seis meses sen verse. As emocións propias da xornada uníronse ás novas medidas de seguridade

"Tiñamos moitas ganas de volver". Ese foi a consigna unánime entre alumnos, pais e profesores do colexio Mestre Vide o primeiro día de clase. Antes de que as portas se abriran para inaugurar o curso máis atípico, os pequenos citábanse nos arredores do recinto para volver ás aulas, seis meses despois de que o estado de alarma suspendera a actividade lectiva presencial. 

Ata aí, as emocións propias do primeiro día foron as habituais de calquera outro ano. Igual pero non. Nas caras de tódolos pequenos loce este ano un complemento tan pouco querido como necesario para que todo vaia ben. As máscaras, con tódalas súas variedades e formas segundo o gusto de cada pequeno, convertéronse en algo tan imprescindible como as mochilas ou os libros. Os pequenos sábeno e asúmeno con resignación "por culpa do coronavirus". 

Xel hidroalcohólico e distancia de seguridade súmanse á lista de material que cada ano os pais preparan días antes do comezo do curso. Nada diso faltou, pero algo si que botaron en falta os pequenos: os abrazos.

O contacto, a cercanía, a efusividade dos rencontros non forman parte este ano desa lista de materiais. Pero iso non impide que a emoción, os nervios e a ledicia dos rencontros lle resten maxia a este primeiro día. 

A xornada inaugural do curso é sempre moi especial. Nenas e nenos poñen a punto os seus despertadores para non faltar á cita. "Hoxe levanteime cedísimo", dicían algúns. Non é para menos, hai que voltar. Voltar ás aulas, a aprender, ás rutinas e, sobre todo, ós compañeiros. "Este ano non me tocou cos meus amigos, pero xa os vexo nos recreos", comentaba unha pequena ás cámaras de Telemiño, que foron testemuño de como a nova normalidade se instalou nas aulas do Mestre Vide.

Moitos superheroes saíron desta pandemia e os pequenos, que aguantan e asumen estoicamente os cambios, son uns deles. Canto tocou, adaptaron a teleformación como única alternativa para rematar o curso e, agora que volve tocar, retoman as aulas obedecendo e cumplindo as medidas necesarias para evitar a propagación "do bicho". 

Son días atípicos para todos nos colexios. Toda a comunidade educativa está en proceso de adaptar a formación a estes novos requisitos. Pero xuntos, alumnos e profesores están dispostos a coidarse para que o novo curso transcorra do mellor xeito posible.

Te puede interesar
Más en Xornal Escolar