Imprimir

Vox e botox

Afonso Vázquez-Monxardín |

La Región | 29 de enero de 2019

Non me gusta falar dalgunhas cousas por culpa das leis da aerodinámica. Saben ben os pilotos, como os rapaces que voan cometas, que para despegaren é mellor ter o vento en contra. E algúns políticos tamén o saben. Entre eles, os dese partido cuxo nome vén antes no meu dicionario Vox de latín, que a palabra “vulgaris”. En fin, mellor non falar moito deles nin darlles aire. Pero mirándolle a parte positiva a todo, a vinda a Ourense desa xente, fíxome primeiro escachar de risa e logo reler o Cancioneiro do Mío Cid -unha marabilla do romanceiro medieval español-. As ideas e imaxes estrambóticas tenden á comicidade. Se alguén di que un gato ameazou un tigre e que o fixo fuxir miañando e co rabo gacho, pois o razoable é apuntar un sorriso e doerse da falla de cabeciña do que tal cre. Deste xeito, vir a Galicia a dicir que o galego está ameazando a supervivencia do castelán, ou botarlle a culpa a Fraga da política lingüística de Cataluña, apuntan tamén un sorriso no que escoita, pero acedo polas múltiples carencias -de coñecementos, de análise, de comprensión, de sensibilidade, de respecto- que comporta.

E sorrir preocupado porque a xente, así, en conxunto, está disposta a crer calquera cousa incluso contra o sentido común e contra o que ela ve. Lembren as vendas dos coitelo eléctricos para cortar o pan, ou como 39 estadounidenses se mataron para iren na cola do cometa Hale-Bopp, en 1997. Hai xente para todo. Nin preguntemos se é máis importante Cristiano Ronaldo ou Einstein para a historia. E hai unha igrexa que adora a Maradona. Eu confíolles bastante na racionalidade das persoas como individuos soltos, pero sei que un xuíz chamado Lynch, coa idea de matar aos delincuentes pillados nas patacas, fixo que os homes ovellas se comportasen como lobishomes en conxunto. En fin.

Sen tanta transcendencia, o que si me fixo escachar de risa -e provocou a relectura do Cantar del Mío Cid, por ver se eu estaba enganado– foi a frase do avogado e cachimán hispano-arxentino Ortega-Smith que recollía este xornal: "Remar juntos para hacer grande España otra vez, algo que requiere sacrificio, sangre, sudor y lágrimas, como decía el Mío Cid". Dior mio que nivel! Así con rotacismo e en castellano. Como sabe calquera cidadán de cultura media, a frase é de Churchill. E díxoa na sesión do Parlamento británico o día 13 de maio de 1940, nos comezos da guerra mundial. Para sermos exactos dixo: “I have nothing to offer but blood, toil, tears and sweat”, literalmente: “Non teño nada que ofrecer senón sangue, esforzo, bágoas e suor”. Ese “toil”, ese esforzo, ese escornarse a traballar, habitualmente omítese nas traducións ao español, pero aí está. Certamente a frase non era nova. Xa a usara, máis ou menos, Garibaldi, o heroe da unificación italiana, tan querido de Churchill e o propio primeiro ministro inglés noutras ocasións, pero polo contexto pasou á historia aquel día.

En fin, en vez de tanta casposa evocación á reconquista, se lese o Cantar do Mío Cid, vería como o señor da guerra Rodrigo Díaz de Vivar comeza defendendo o rei musulmán de Sevilla contra o rei musulmán de Granada, e despois por celos do rei de Castela... en fin, que lea. Ademais, nin que dicir ten, foi unha guerra entre hispano-cristiáns e hispano-musulmáns nas que gañaron os primeiros, e xa está; a historia é só historia, pasado. O Sr. Ortega Smith, fillo dunha arxentina de orixe británica, debe saber ben, por experiencia familiar, o rapidamente que se integran as persoas nas colectividades de chegada. En fin, o botox ideolóxico non incha os morros, pero pode intoxicar e abafar as estéticas. E á deste grupo, case só lle vai faltando a cabra. Non sei se a da lexión ou a dos moinantes da escaleira. Pero cabra, cabra. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /opinion/afonso-vazquez-monxardin/vox-e-botox/20190129094507851035.html


© 2019 La Región

© La Región S.A.

Contenidos con licencia Creative Commons