FESTA DO BOI

Xan de Arzúa gaña o Xogo de Cornos

A tradicional representación das orixes da Festa do Boi fixouse este ano no fenómeno literario e televisivo "Xogo de tronos" realizando unha parodia polas rúas da vila con Xan de Arzúa como heroe desta historia.

O gremio dos trovadores avisou nada máis comezar a xornada: "Imos xogar ó Xogo de Cornos". E así foi. Hai máis de 700 anos -702 para sermos exactos- que Xan de Arzúa, o famoso fidalgo alaricano, montou a lombos dun boi para encabezar a procesión do Corpus, unha procesión que os veciños de relixión xudea estaban decididos a boicotear. Aquilo foi en 1317 pero Allariz non esquece ó seu heroe local. Por iso este domingo, sete séculos máis tarde da sua senlleira actuación, a vila volveu recrear os feitos que o converteron nun dos veciños máis ilustres. 

A cita era ás 12 da mañá no Eiró e ningún gremio quixo faltar a ela. Canteiros, taberneiros, zapateiros... Todos querían participar no Corpus, que este ano contou cun cronista de luxo. Aproveitando o recente éxito da última tempada da serie "Xogo de tronos", os veciños de Allariz desputaron o seu particular "Xogo de cornos" ante a atenta mirada dunha parodia do autor dos libros, George R.R.Martin, que non perdeu detalle da historia de Xan de Arzúa na súa disputa contra os xudeus. 

A lomos do seu particular "dragón cornudo", o heroe alaricano encabezou un ano máis a procesión do Corpus, que chegou ata as portas da Casa do Concello, onde tódolos participantes volveron darse cita para compartir a clásica danza gremial do entrelazado de Allariz. O público amosouse sorprendido por esta curiosa relación entre as orixes da Festa do Boi e o gran fenómeno televisivo e literario. "¡Están facendo como se fora Xogo de Tronos!", comentaban entre eles. O certo é quenon faltaba ningún dos grandes personaxes da saga, que atoparon a súa perfecta reproducción en todos cantos tiveron un papel destacado na odisea de Xan de Arzúa. 

Foi a antesala da primeira carreira dos Bois, a Carreira Medieval, que reuniu a centos de persoas polas rúas da vila. A xornada deste domingo, a segunda das nove durante as que trancorrerá a festa, era a dos gremios e, por iso, a meirande parte da tarde tamén foi deles. E como o Boi é unha festa de tradicións, un ano máis A Barreira acolleu o xantar medieval no que tólos participantes compartiron un momento de convivencia deixando atrás as súas "diferencias" para momentos máis tarde recuperalas no concurso de trobadores e sobremesas. 


Primeira carreira


Coa meteoroloxía ó seu favor, a Festa do Boi celebrou a súa primeira carreira oficial a última hora da tarde. Todo saíu segundo o previsto, pechando así unha xornada festiva na que o maior problema que se presentou foi a aparición dos xudeus que, un ano máis, non foron quen de diminuír o ánimo dos alaricanos para celebrar a súa festa máis grande. 

Restan aínda sete días cheos de actividades antes de que Xan de Arzúa se despida ata o próximo ano, no que volverá ser aclamado por tódolos alaricanos a lomos do seu boi. Mentres iso non acontece, hoxe será o turno dos máis pequenos. Trala carreira matinal, que se celebrará ás 8 da mañá, a festa volverá a partir das 17 horas coa iniciativa "Pistaboi: Á busca de Xan de Arzúa", que partirá dende a Praza Maior. Xa ás 19,00 horas, os nenos mediranse co boi na carreira infantil antes de darlle paso á segunda carreira vespertina. Os Terribles da Limia pecharán a xornada de hoxe cos seus acordes.

Te puede interesar