Xinzo convoca un certame de minicontos por Samaín

A Concellería de Cultura de Xinzo vén de convocar o concurso de minicontos "Samaín 2020", un certame co que se pretende fomentar a escritura entre os nenos e mozos limiáns que se dividirán en dúas categorías de participación: infantil, de 5 a 12 anos; e xuvenil, a partir dos 12 anos. 

Os contos presentados terán que ser necesariamente de temática de medo ou terror, ademais de estar vencellados á tradición celta do Samaín. Do mesmo xeito e tal e como precisan dende a Concellería de Cultura limiá, as creacións terán que estar escritas en galego -a extensión máxima será dunha páxina A4, entre 30 e 50 liñas-. 

Por outra banda, todos os relatos deberán ser enviados ao enderezo de correo electrónico oficial da Concellería de Cultura: [email protected] -poderán remitirse  en calquera dos formatos de texto máis empregados: .doc, .docx, .odt, .rft ou .pdf-. No mail incluirase o título do conto e os datos do autor ou autora: Nome e apelidos, idade, centro de ensinanza, curso e teléfono ou mail de contacto. Do mesmo xeito, tamén se poderán entregar manuscritos ou impresos en papel nos centros educativos ou na Casa da Cultura. Neste caso deberán ir acompañados dun sobre pechado no que se recollan todos os datos indicados anteriormente. O prazo para presentar as propostas rematará o vindeiro 30 de outubro ás 23,59 horas. 

O xurado estará composto por persoas relacionadas co mundo das letras e polos directores dos centros educativos da vila limiá, e os premios dividiranse en tres económicos -50 euros, 100 euros e 15 euros- para mercar en librerías da vila e agasallos de Limisi.

Te puede interesar