Opinión

Xinzo: o outro Entroido. A praia

Estaba eu recén casado, alá  polo ano 1970, a mediados do mes de febreiro, nunha mañá moi fría do domingo de Entroido. Non se me ocorreu outra cousa que disfrazarme, xunto coa miña dona, coma se estivesemos en pleno mes de xullo na praia. Levamos un parasol, dúas toallas, unha bolsa de praia e os dous en  traxe de baño. 

Era a primeira hora da mañá, cun frío que pelaba, despois dunha gran xeada. Percorremos dende a miña casa, no número 12 na estrada xeral ata chegar á Praza Maior. Non había ninguén pola rúa. Ao percorrer uns cantos metros pola beirarrúa parabamos. Untabámonos de crema solar un ao outro e, con gran parsimonia, espallámo-las toallas, poñémolos  anteollos escuros e deitámonos para tomar o sol. Daquela pasaban moi poucos coches cara a Madrid.

 E os poucos que pasaban alucinaban ao ver a escena. Non podían entender o que estaban vendo. Sobre todo cando as poucas persoas que había na rúa ían abrigadsa dos pés á cabeza con gorra e bufanda, pola xélida mañá. 

Así, varias paradas polo camiño, simulando unha plácida mañá de praia, ata chegar á entrada da praza, na mesma curva, onde volvemos á faena, para arrepío e sorpresa dos presentes, que vían como, sen inmutarnos, como algo natural, aguantamos estoicamente a baixa temperatura mentres nos embarrañamos de crema.

Para paliar o asunto, na cesta das cremas levamos un termo con café ben quente mesturado con coñac. Logo cambiamos de sitio, ata que puidemos aguantar. Dende logo, no Entroido mentalízase un de tal maneira que o corpo chega a inmunizarse totalmente e pode soportar calquera  situación  por extrema que sexa. 

En circunstancias normais, o mínimo sería unha pulmonía. Eu dende moi pequeno estaba máis acostumado ás baixas temperaturas. Miña dona que era friorenta, coa que estiven teimando  varios dias para que me acompañara en tan descavillada aventura, tampouco tivo problemas; convencéndose de que, de verdade, no entroido, nunca pasa nada. 

Te puede interesar