MONTERREI

As Xornadas de Novela de Verín terán continuidade

Participaron 650 persoas e será un referente cultural, segundo o Concello 

Máis de 650 persoas participaron nas actividades programadas a pasada fin de semana no marco das Primeiras Xornadas de Novela Histórica de Verín, que foron organizadas pola Biblioteca Municipal, en colaboración con SAGA (Sociedade Antropolóxica Galega).

Así o destacou o goberno local do concello verinense, que avaliou como muy positiva esta iniciativa. Nese sentido, a concelleira de Cultura, Emilia Somoza, mostrou a súa total satisfacción "ante os excelentes resultados de asistencia obtidos en todas as actividades programadas" no marco as xornadas e puntualizou que "unha vez máis, confírmase que a forte aposta deste grupo de goberno por crear unha programación cultural constante e enfocada a todos os públicos está a dar os seus froitos". A través dunha nota de prensa o Concello de Verín adianta que o número de asistentes ás xornadas de novela histórica demostran que "esta iniciativa vaise converter, sen dúbida algunha, noutro dos nosos referentes na axenda cultural da vila".

O principal obxectivo deste encontro foi realizar un achegamento aos aspectos moito menos coñecidos dos autores deste xénero e as temáticas históricas que os inspiran.

As xornadas contaron coa presenza de seis autores de primeira fila dentro de este xénero (José Calvo Poyato, José Luis e Alejandro Corral, Toti Martínez de Lezea, Antonio Piñero, e o gañador do último premio planeta, Javier Sierra) que compartiron cos asistentes a súa paixón, inquedanzas, segredos e coñecementos, convertendo a vila de Verín no epicentro cultural da novela histórica. 

Te puede interesar