O Ribeiro

A Xunta compra vivendas do casco histórico de Ribadavia

Todos aqueles propietarios que estean interesados en presentar as súas ofertas dispoñen ata o 25 de agosto para achegarlas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, abriu onte o prazo para a presentación de ofertas para a adquisición de inmobles no casco histórico de Ribadavia, ao abeiro do Programa Rexurbe. Trátase da segunda vez que se realiza neste concello esta oferta pública, pois a convocatoria de 2019 tamén seleccionou este municipio para participar na oferta pública de dito exercicio.

Segundo consta na resolución publicada no Diario Oficial de Galicia, a Xunta destina 200.000 euros para facerse propietaria de edificios e fincas neste conxunto histórico, co fin de rehabilitalos e ofrecer vivendas en alugueiro aos veciños.

Todos aqueles propietarios que estean interesados en presentar as súas ofertas á Administración galega dispoñen ata o 25 de agosto para achegarlas. 

A oferta pública do Programa Rexurbe lanzada pola Xunta neste ano ascende a 1,5 millóns de euros para adquirir inmobles na Coruña, Mondoñedo e Ribadavia e da continuidade á realizada en 2018 e 2019, polas cales se adquiriron 37 inmobles nos concellos de Betanzos, Ferrol, Lugo, Ourense, Ribadavia e Tui. 

Segundo as estimacións realizadas polo IGVS, os 1,5 millóns de euros da actual convocatoria permitirán adquirir uns 25 inmobles, para habilitar máis de 50 vivendas dos tres cascos históricos.

Te puede interesar