Xuntos por Laza presenta unha moción a prol da canle Xabarín

A formación reclama a opción dobrada nos contidos audiovisuais da televisión española

Logo de participar nunha recollida de firmas, a formación local, Xuntos por Laza, dará un paso máis á hora de sumarse a unha iniciativa que está percorrendo a Comunidade Galega para a creación dunha canle Xabarín con contidos en galego para a mocidade e os cativos. Aproveitando a conmemoración do Día das Letras Galegas, Xuntos lamentou o feito de que a lingua galega sexa "a única oficial no Estado español que non conte cunha canle de emisión continuada de programación infantil e xuvenil. O resultado disto é que só o 4,6 por cento da programación semanal está en galego, caendo ao 2,7 por cento durante a fin de semana".

Engaden, do mesmo xeito, que "todas as crianzas, rapaces e raparigas do Estado español agás as galegas poden gozar dos mellores contidos televisivos na súa lingua" e apostan polo regreso do formato Xabarín Clube subliñando que, na década dos 90 "Galicia situouse á vangarda dos contidos infantís e xuvenís" coa programación da mencionada canle "que contribuíu decisivamente á normalización da lingua galega e tamén á difusión da música, a produción audiovisual e escénica desenvolvida no país". 

Por outro lado, e na liña da normalización lingüística, Xuntos por Laza pon como exemplo os casos vasco e catalán, cuxos gobernos " chegaron a acordos con diferentes plataformas para a emisión de todos os seus contidos coa opción de subtítulos nas súas respectivas linguas". 

Por todo o anterior, Xuntos por Laza rexistrou unha moción para ser debatida no vindeiro pleno na que pide que se incremente a oferta en galego na televisión pública galega, así como que a española emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego e se inste ao Parlamento a promover o idioma en outras plataformas.

Te puede interesar