TURISMO

O Xurés recibe axudas para a súa recuperación

A conselleira Ángeles Vázquez conversa co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez.
photo_camera A conselleira Ángeles Vázquez conversa co alcalde de Muíños, Plácido Álvarez.
Medio Ambiente recibiu este ano máis de 200 solicitudes de axudas para financiar actuación de mellora nos seis parques naturais

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda recibiu este ano máis de 200 solicitudes de axudas públicas para a execución de actuacións de mellora e conservación nos seis parques naturais de Galicia. Así o avanzou onte en Lobeira a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, quen visitou este concello ourensán e mais o de Muíños para coñecer o resultado de varias actuacións realizadas o ano pasado no parque Baixa Limia-Serra do Xurés "grazas aos fondos mobilizados por parte da Xunta de Galicia", segundo di a consellería.

En total, Ángeles Vázquez indicou que o seu departamento destinou máis de 624.000 euros a mellorar a imaxe e o estado deste espazo natural, declarado reserva da biosfera transfronteiriza pola Unesco en 2009. Desta cantidade, case 504.000 euros dedicáronse a financiar 43 proxectos a través da orde de axudas para actuacións nos parques naturais que teñen como obxectivo a recuperación do patrimonio etnográfico a través de iniciativas impulsadas por concellos, particulares, asociacións ou empresas, e o resto, foron investimentos directos da propia Consellería.

Entre as actuacións executadas pola Xunta, Vázquez subliñou precisamente os traballos de restauración realizados nun forno comunal en Vilariño de Santa Cristina, no concello de Lobeira, unha das obras que visitou esta mañá e na que se investiron preto de 38.000 euros para mellorar o seu uso público turístico e cultural.

Muiños

Así mesmo, a conselleira tamén se achegou ata os miradoiros de Agrelo e Outeiro de Cela, en Muíños, nos que se realizaron melloras como a instalación dun valado e de paneis informativos, se ampliaron as instalacións para uso público e ata se construíu un novo sendeiro mellorando a ruta a pé de máis de 500 metros que conduce ata o punto de observación localizado en Outeiro de Cela. Este tipo de investimentos "terán continuidade nos dous próximos anos xa que, como adiantou a conselleira, o seu departamento xa está na recta final da tramitación da nova orde de axudas para actuacións nos seis parques naturais de Galicia, dotada con 1,4 millóns para o período 2020-2021", segundo salienta a Xunta de Galicia. 

Te puede interesar