Opinión

A política vai de votos

Son tempos complexos para dedicarse a isto da cousa política. Dígollo eu. Cualificativos tenros e agarimosos como interesado ou corrupto, fan acto de presencia en calquer conversa sobre a materia. E, sen embargo, aínda sendo, certamente, desacougante o desprestixio da clase política por causa de Bárcenas, ERES ou Pokemons; penso que este non é o maior dos perigos que enfrontamos. Todo é opinable, faltaría máis, pero a min que o vivo, en certa medida, desde dentro, alármame especialmente a endogamia orgánica que se está a apoderar do tódolos partidos, sen excepción. De feito, a desafección da cidadanía cara aos seus representantes vén, tamén, dada por esta sorte de “abrazafarolismo” que impregna o día a día de tódalas organizacións e que xa nin se disimula cun mínimo de pudor. Cada vez son máis notorias as trifulcas internas que provocan unha maior fragmentación das correntes alternas ou continuas. Imos camiño dos partidos unipersoais. Tal vez unha evidente falta de cultura democrática e a inseguridade de liderados de cartón-pedra están na trastenda desta coxuntura. Así, o primeiro que fai o gañador dun proceso en calquera grupo é tentar laminar aos seus rivais na votación e blindar á súa garda pretoriana. Aínda sabendo que o resto de candidatos e os que os apoiaron son compañeiros. Aínda supoñendo que ten que haber xente que pode achegar cousas, prefiren pechar filas nun numantino intento por asegurarse o sitio gañado.

A mochila que obrigan a cargar ao lombo este tipo de comportamentos, máis froito de complexos que de ningunha outra cousa, vén ateigada de perda de potencial do partido en cuestión, de toneladas de desilusión nas respectivas bases e da vexación sistemática da palabra integración, por todos barallada e por ninguén exercida. A división da división, a fractura da fractura e, namentres, as demandas da cidadanía sen varrer.

Na designación, cando procede, de candidatos aos diferentes procesos ou, aínda máis, nos nomeamentos para cargos institucionais, temos ducias de exemplos. Lonxe de empregar estas posibilidades para ampliar espectro e enriquecer entornos, de tender pontes para fortalecer o liderado, optan maioritariamente por pecharse sobre si mesmos. A elección é premiar aos máis achegados pola súa fidelidade ou por ter a virtude de apostar a cabalo gañador. Así o mapa está cheo de políticos profesionais que levan toda a vida vivindo da cuestión, gardacostas leais do líder ocasional e moi hábiles á hora de posicionarse de portas para adentro. Iso si, fóra do acubillo das paredes do orgánico, apenas acadarían apoio cidadán suficiente para presidir a súa comunidade de veciños.

A única base na que se sustentan estas figuras é nos chanzos que van engadindo á súa particular escada de aproveitamento persoal nas estruturas que outros traballaron moito para erguer. E é que son moi de pensar que paga a pena arrastrar unhas siglas polo fango con tal de estar eles na cadeira desexada.

Por certo, por se alguén se pica, teño un terreo cheo de allos.

Te puede interesar