Opinión

A culpa é da condición humana

Afirma o bo amigo e mellor persoa Víctor Tato, dende a súa atalaia de filosofo de cabeceira da parroquia de Partovia, que tódalas ecuacións irresolubles sobre a complexidade dos comportamentos do ser humano se resolven cun simple encollemento de ombreiros e verbalizando con ton de resignación a frase comodín por excelencia: “é cousa da condición humana”. Supoño que como case todo o mundo, levo toda a vida tentando entender o significado dos actos dos demais, basicamente por aquilo de socializar pero, ironicamente, o resultado destas pescudas é que, cada día que pasa, entendo aínda menos os porqués dos meus propios actos.

Polo xeral tendo a non ser negativo con respecto ás intencións da xente. Sen chegar á candidez do “todo o mundo é bo” pero si co convencemento de que a maioría de nós non nos erguemos pola mañá maquinando unha diabólica listaxe de maldades que acometer durante a xornada. Sen embargo, ás veces penso que son un pouco panxoliñas. 

Os problemas comezan cando os intereses e desexos duns coliden cos doutros. Aí é onde remata o “buenismo” e tiramos dos sete pecados capitais para cometelos todos en ringleira. Máis que unha lista de comportamentos a evitar, semella un repaso das actitudes máis habituais na vida diaria dalgunha xente: ira, envexa, soberbia, avaricia, etc.

Vivimos nunha sociedade e nun tempo que premia a traizón e a mentira. Valga como exemplo o do cabelo alaranxado, Donald Trump, quen chegou a presidente dos USA cabalgando na posverdade e segue dirixindo a superpotencia ianqui a golpe de trola twitteira. Parece difícil que se poida construír unha casa nova sobre mentiras flagrantes, enganos masivos e actitudes despóticas con todos aqueles que pensan diferente, pero nestes tempos…

Teño que repensarme iso de tentar ser un malote. Tal vez comece por elaborar semanalmente unha listaxe de trampulladas coa que enganar aos demais e trepar por ela ata chegar ás máis altas cotas do que me propoña e, á vez, ás máis baixas de coherencia e dignidade persoal. Parece que a moitos lles vale. Non é que eu sexa Teresa de Calcuta nin Gandhi pero creo en algo semellante ao karma. Que a vida é como un frontón, vaia. Todo remata por vir de volta.

Cando a palabra dunha persoa ten o mesmo valor que un bitcoin debuxado nun pano usado, cando para o ascenso profesional hai quen non dúbida en empregar os cóbados e as navallas como se fora protagonista nun romance de Lorca ou cando o cinismo e a hipocrisía son chaves que abren máis portas que a eficacia e lealdade; definitivamente temos un problema como sociedade. Iso si, despois os domingos á misa ou a facer unha doazón anual a unha ONG para manter a conciencia enganada tamén.

Disque Roma non pagaba traidores pero nos tempos actuais, dámoslles mando en praza e acompañamento de banda de música para darlle máis lustre. Os que entregaron a Viriato ou Mister Iscariote sentiríanse insultados polo basto dos traidores contemporáneos.

Hai quen ve ovnis pero o que debo ser doutro planeta son eu. Esa procedencia extraterrestre podería explicar as miñas dificultades para entender ese complexísimo e insondable misterio da condición humana. Seguirei indagando.

Te puede interesar