Opinión

Despropósitos de aninovo

Pois xa está aquí. Xa chegou. O ano do noso señor de 2019 vén de facer a súa estelar aparición. Fulgurante e cargado ata a cima de días, todos eles cheos de horas. Ata 365 xornadas porta consigo, nas que teremos tempo de rir, de chorar, de brincar, de enfadarnos...

Iso si, como calquera ano que se prece, é imprescindible comezalo escachando tódolos bos propósitos que tiñamos nas derradeiras horas do anterior. É inescusable ter o primeiro vagón de cada ano que comeza ateigado cunha inmensa morea de intencións catárticas. Aí están todos eses propósitos de emenda que se derreten coma o xeo ao sol nos primeiros días do novo ciclo.

Un dos máis habituais é ese mantra que emana do consumismo descontrolado que nos controla nas datas do Nadal. Hai que perder eses quiliños de máis. Polo xeral, estamos a falar dunhas arrobas gañadas a pulso nas arduas pelexas coas incontables e pantagruélicas paparotas que se apiñan nas follas do almanaque cara ao final e o comezo de cada ano. Son días de champaña, marisco e omeprazol.

Outros soñan espertos e equípanse de forma moi decidida para facer deporte. Andainas, bicicletas, ximnasios. Na cabeza, a imaxe dos abdominais de Cristiano Ronaldo. Un pouco máis abaixo, sobre a cintura, as lorzas de Maradona impedindo que a nosa esvelta figura asome por ningures. 

Eu son un dos que pensa nisto con moita forza. Póñolle moita vontade. Iso si, desde o sofá. Non perdo a esperanza de que o exceso de peso se vexa asoballado pola pereza, colla medo e saia fuxindo despavorido. É que fai moito frío nestas datas para saír e claro...

O obxectivo de aterse a unha alimentación moito máis saudable tamén é altamente loable pero conta con inimigos demasiado poderosos. A rosca de Reis, as matas e, xa moi pronto, os cocidos do Entroido. E o frío. Quen no seu san xuízo se propón cear ensalada con este viruxe? Só un tolo. Se iso xa para a primavera volvemos falar do tema. Xusto cando comece o bo tempo para saír a tomar unhas cañas e tapear. 

Tamén resultan admirables os que se auto-convencen de que o novo número que ocupa o calendario brinda unha inmellorable ocasión para cultivar o intelecto. O 31 de decembro teñen artellada unha ampla lista, mental ou escrita, de libros a ler, autores a coñecer ou idiomas cos que establecer unha apaixonada relación. O problema, evidente e insuperable, é que o día 2 ou 3 xa hai fútbol e claro, a potencia do esférico arrasa sen piedade con toda a listaxe de culturización prevista.

Por suposto, teño unha teoría conspiranoica ao respecto. O día de Reis está estratexicamente ubicado para que esquezamos pronto todas esas lerias e nos centremos. Neses cinco días medio festivos que van do fin de ano á noite máxica para os cativos, os adultos imos deixando polo camiño a ilusión dun corpo atlético ou unha mente mellorada e volvemos á realidade. Tranquilos, só quedan uns 350 días para que poidamos volver a listar os nosos desexos.

Eu, pola miña parte, vou pedir ás súas maxestades de oriente que para o ano me traían un chisco de forza de vontade. Polo menos un grao máis da que ten a ameba común. 

Te puede interesar