Opinión

Felices 60, Arenteiro

Este vindeiro sábado 28 é un día especial para O Carballiño xa que se celebrarán os fastos   dos 60 anos dunha das institucións máis emblemáticas da historia do noso pobo, o Club  Deportivo Arenteiro. O equipo de fútbol que leva todos eses anos paseando con orgullo o  nome do pobo por toda a xeografía española.  Somos lexión os que sentimos con moita intensidade o verde desa camisola que tantas  tardes de emocións nos ten ofrecido. Boas e non tan boas pero sempre co corazón  tinguido dese ton da esperanza.  

Pónseme a pel de galiña con todas as lembranzas que gardo vinculadas ao equipo, coma  un pequeno tesouro que segue a medrar ano a ano.  Aquelas tardes dominicais de inverno ao abrigo da cociña de ferro pendente do Galicia en Goles para saber que resultado se traía dos partidos a domicilio. Á semana seguinte, a  cumprir coa eucaristía da visita quincenal para ser un máis na paixón da grada de Espiñedo, acompañado de meu pai cando pequeno, con amigos ou cos meus fillos máis adiante.  

As bancadas do “stadium” sempre poboadas de nomes históricos como Palillo, Esclavo,  Lois, Tupino, Maruja e Jorge de Flores, Poli e tantos outros merecentes de estar nunha listaxe de fieis e abnegados arenteiristas.  Por aquí pasaron equipos como o Eibar, o Deportivo, ou equipos da canteira do Real Madrid e, por suposto, aquela elminatoria de Copa na que todo un Elxe tivo que sufrir para  eliminar aos verdes depois dunha ida que se tivo que disputar no Couto pois o noso templo  quédabase escaso.  

Podería encher todas as páxinas deste xornal con nomes de xogadores pero dos que  lembro, quedome coa elegancia de Teixidó, a calidade de Quecho, a raza do local Sobrino,  os goles de Luis Alonso ou o ribeirao Santi, o tesón de Fabián, a potencia de Víctor Arias, a  maxia de Fidalgo ou o talento anárquico de David Pérez ou o actual Arce.  En épocas anteriores nomes como Césareo Rivera que chegou a ser internacional B saíndo  da casa verde, Carballeda, Herminio, Zorro, José, Pazó, Cucala, etc...  

Persoalmente, tiven durante seis anos a honra de formar parte da xunta directiva e con  acertos e desacertos, días doces e amargos, podo afirmar que non trocaría esa experiencia  por nada do mundo. Moitas horas turrando do carro da pintura o día de partido, viaxes  constantes para os partidos, para fichar xogadores, días enteiros percorrendo a vila de arriba abaixo entregando carnés de socio ou buscando debaixo das pedras patrocinios  para soster os gastos do equipo, a lista de tarefas é interminable.  

Podo, polo tanto, con coñecemento de causa, deixar clara a admiración que sinto por  todas as directivas dos equipos do fútbol modesto, sen eles toda esta paixón sería, sinxelamente, imposible.  Quero pechar co meu máis sentido agradecemento a todos os que durante estas seis décadas fixeron posible unha historia de ilusión, de risas, de bágoas e sobre todo, de Carballiño, moito Carballiño..  Agardo que o agasallo por este aniversario veña en forma dun ano máis na Terceira División. A directiva de Xan, Manolo, Lolo, Chus e compañía meréceno. O pobo meréceo.  Como di o himno, “este ano nin Barça nin Madrid, ide tremendo que xa estamos aquí”.  

Por outros 60. 

Te puede interesar